O Feitizo de Foz: Raíces que unen, a forza da tradición

Foz
AMariñaXa
O Feitizo mantén viva a identidade local a través da música, o baile e o compromiso interxeracional
Foz-O-Feitizo-xuno-2025
9 Jul 2025

Por Ana Somoza.

No ano 1978, un grupo de persoas de Foz deu o primeiro paso cara á creación dun espazo onde a arte, a cultura e as tradicións galegas puidesen florecer sen límites. Nacía así a Asociación de Amigos das Artes, coa clara vontade de promover as artes entre a xente nova, organizar actividades culturais e mostrar ao público o talento dos seus integrantes a través de exposicións permanentes e itinerantes por distintas vilas da comarca. Anos despois, esa semente daría lugar a unha agrupación que se converteu en símbolo de identidade e resistencia cultural: a Agrupación Cultural Amigos das Artes O Feitizo.

A profesora de baile Pilar, que foi presidenta da entidade durante moitos anos, lembra aqueles primeiros tempos con claridade e emoción. “En 1985 e 1986, a raíz da Asociación de Amigos das Artes, xorde O Feitizo co fin de non perder as tradicións galegas”. Foi unha etapa de entusiasmo e compromiso, na que figuras como Vicente Sempere, Suso Bahía e o Conde de Fontao foron decisivas. “Eles foron quen puxeron as bases. No ano 1986 creouse tamén a sección de baile, sempre coa mesma idea: preservar o noso”.

IDENTIDADE LOCAL. O actual presidente da agrupación, Darío Vázquez, comparte esa visión, coa responsabilidade de manter vivo un proxecto que continúa sendo relevante en pleno século XXI. “Non só tratamos de conservar, senón tamén de adaptarnos aos tempos e de atraer á xente nova, que é o futuro”.

Na actualidade, O Feitizo conta cunha base de arredor de 70 socios. “Hai un pouco de todo, dende adultos a cativos, mulleres e homes, aínda que si que é certo que hai menos nenos varóns”, recoñece Pilar. Esta diversidade, din, é un reflexo da comunidade e un sinal de que o traballo interxeracional dá froitos.

As actividades que organiza a agrupación son variadas e pensadas para manter vivo o espírito das tradicións galegas sen deixarse atrapar pola rutina. “Temos clases de gaita, percusión, pandeireta, canto e baile galego. E tamén outra disciplina que é moi divertida: un estilo de baile con música actual, tipo batuka, para facer exercicio e pasalo ben”, explica Pilar con entusiasmo.

ESFORZO DIARIO. Durante épocas sinaladas como o Samaín ou o Nadal, O Feitizo dá un paso máis aló e prepara espectáculos que combinan teatro musical e danza, abrindo novas posibilidades creativas. “Adoitamos facer algo especial nesas datas, porque a xente espera con ilusión e é un momento perfecto para involucrar aos máis pequenos”.

Pero se algo destaca en O Feitizo, ademais da súa actividade artística, é a súa estética. Os traxes que usan para as actuacións están deseñados e confeccionados por Pili e Sara, responsables de Antolinas Atelier e, ao mesmo tempo, membros da asociación. “Todo queda na casa. Somos as encargadas de dar forma ao que queremos transmitir tamén visualmente”, conta Pilar. Esa conexión entre creatividade e identidade ten moito que ver co nome da agrupación.

“O noso nome foi posto polos fundadores da asociación, e evoca algo positivo, algo que fascina e cativa. É como se enfeitizáramos á xente coas nosas músicas e bailes”, describe Pilar cun sorriso que confirma esa idea.

Desde a agrupación recoñecen que manter esta actividade cultural require apoio, e que o papel das administracións locais é clave. “Ao goberno local pedímoslle que reafirme o seu compromiso coa cultura facilitando infraestruturas e investimentos para as actividades, tanto para nós como para o resto de asociacións do concello”, sinala Darío Vázquez.

DESAFÍOS E FUTURO. Un dos obxectivos principais da agrupación é que non se disolva, que non se perdan os costumes que tanto esforzo custou manter. “Na pandemia foi moi duro. Tivemos que parar case todo, e notouse moitísimo a desconexión emocional”, lembra Pilar. “Agora, pouco a pouco, estamos a recuperar a enerxía e as gañas”.

O traballo diario dentro de O Feitizo está marcado por unha planificación minuciosa. “Temos distintos horarios segundo a clase. Hai que coordinar moitas cousas, e facémolo sempre pensando nas persoas que participan”, di Pilar, quen subliña a importancia de manter o ambiente familiar e acolledor que caracteriza á agrupación.

Para este ano, a axenda está xa practicamente completa. “Acabamos de celebrar o festival dos nenos en Vilaronte e tamén estivemos no San Xoán. O 24 de agosto iremos a Portomarín, e temos moitas outras saídas programadas”, explica o presidente.

Un dos eventos máis esperados é o festival de adultos, que se retoma este ano despois de dous anos sen poder celebrarse. “Estabamos desexando volver facelo, porque é unha oportunidade única para mostrar o traballo de todo o ano e tamén para compartir con outras agrupacións”, apunta Pilar.

FEITOS MEMORABLES. Cando se lles pregunta por un momento especial vivido durante todos estes anos, Pilar non dubida: “Cada vez que saímos a actuar cos pequenos é un momento fermoso para lembrar. Ver as súas caras de ilusión, a súa entrega, é marabilloso”. E engade: “Hai actuacións que nos marcan, como a que facemos en agosto en Portomarín. É un espazo máxico e sempre se respira algo especial”.

Tamén recordan con cariño outras viaxes, como a visita a Valencia ou a participación no programa Luar. “Sempre que saímos é un momento especial, pero sobre todo o que lles temos que transmitir aos cativos é a actitude. Iso é o máis importante. Unha boa actitude é a base de todo. O demais, xa sairá”.

A pesar dos retos que implica manter viva unha agrupación cultural, O Feitizo é un exemplo de resiliencia e ilusión compartida. “Non se trata só de ensinar a bailar ou tocar a gaita. É moito máis. É ensinar respecto, compromiso, amor pola terra. É dar sentido de pertenza”, afirma Pilar.

A agrupación segue aberta a novas incorporacións e anima a toda a veciñanza a achegarse. “Aquí hai sitio para todos. Só fan falta ganas e vontade de aprender”, aseguran. Esa é, tal vez, a maxia máis verdadeira de O Feitizo: a capacidade de acoller, de inspirar e de manter aceso o lume da tradición.

Na súa traxectoria, a agrupación ten demostrado que é posible manter vivas as raíces sen caer na nostalxia, e que a cultura tradicional pode ser tan atractiva como calquera outra forma de expresión contemporánea. “Se soubéramos o valor que ten todo isto, coidariámolo máis”, di Pilar cun certo ton reflexivo.

O Feitizo de Foz continúa, así, o seu camiño, entre melodías e danzas, entre esforzos e sorrisos, entre compromiso e ledicia. Un camiño que fala de nós, da nosa terra, da nosa identidade. E que, como ben di Pilar, “non queremos que se perda nunca”.

⚙ Configurar cookies
0.15983605384827