Quince alumnos italianos están a formarse en Ribadeo en empresas do sector do automóbil
Quince alumnos italianos están a formarse en Ribadeo ata o 26 de xullo. Realizan as súas prácticas en empresas do sector do automóbil da man de Apaga (Asociación de Profesores de Automoción de Galicia).
O presidente de Apaga, Álvaro Doural, contou que “xa están en varias empresas de Ribadeo, todas do sector do automóbil, fan xornada de mañá e polas tardes teñen programadas unha serie de actividades para coñecer toda esta zona, entre elas farán un paseo pola ría, grazas ao Real Club Náutico de Ribadeo. En Mondoñedo a xente que organiza o mercado medieval vai facer alí un pequeno acto. Van ir á Cova do Rei Cintolo. Marcharán un día antes do previsto para ir a Santiago de Compostela, onde pasarán unha xornada. Van ir á praia das Catedrais, van facer unha ruta tamén cun guía por Ribadeo: o casco antigo e a zona do porto”.
A expedición italiana está composta por 15 alumnos e 2 profesores, que van a estar en Ribadeo ata o día 26 deste mes. É o segundo grupo procedente dese país que recibe Apaga este verán.
No Concello de Ribadeo tivo lugar unha recepción que foi presidida pola concelleira de Atención Cidadá e Seguridade, Montse Seijo. Doural explicou que “así rematan as accións de acollida de alumnos e profesores deste ano. A verdade que grazas ás empresas de Ribadeo e ao sector do automóbil que dende o primeiro momento os acolleron moi ben. Estas experiencias están funcionando ben, si. Son rapaces que teñen bo comportamento, unha boa educación, unha formación no sector, é dicir, en principio ben. Está sendo moi positivo”.
Para o presidente de Apaga “quizais ao mellor é un grupo moi elevado porque nos vimos obrigados a meter nalgunha empresa a dous alumnos e neste momento tamén polas cargas de traballo que están tendo as empresas debido ao período estival ao mellor se se volve repetir a experiencia con 10 alumnos sería suficiente. Sabemos que forzamos un pouco a situación en relación ao número de xente que se pode acoller, e estamos especialmente agradecidos polo esforzo que fan as empresas de Ribadeo. Senón fose así habería que levar a algúns rapaces fóra de Ribadeo e sempre é un pouco complicado todo iso”.