Queremos Galego chama aos mariñáns a mobilizarse en defensa do galego no Día de Rosalía

AMariñaXa
A plataforma organiza unha manifestación en Santiago o 23 de febreiro para reclamar a vitalidade da lingua galega
Queremos-Galego-A-Mariña
17 Feb 2025

A plataforma Queremos Galego presentou os detalles da manifestación que terá lugar o 23 de febreiro en Santiago de Compostela. A marcha sairá da Alameda ás 12:00 horas e rematará na Praza do Obradoiro, onde está prevista unha actuación musical. A plataforma convida a toda a cidadanía, especialmente a de A Mariña, a participar nesta convocatoria para reclamar que a lingua galega sexa "vital xa", facendo súa a loita pola normalización do galego, coincidindo co Día de Rosalía.

Durante a presentación, Mónica Pazos, coordinadora de Queremos Galego, remarcou que "centos de persoas e colectivos xa están a actuar para garantir o futuro do galego". A voceira da plataforma na Mariña, Paula Jorge, denunciou o que considera un "pacto do enterro do galego" por parte das institucións e subliñou que "os poderes públicos deben garantir a lingua en todos os espazos e para todos os usos".

Queremos Galego tamén destaca a súa preocupación pola recente reforma do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, afirmando que este proceso se está a levar a cabo sen transparencia e sen a implicación real de todos os actores sociais e políticos. As críticas tamén se dirixiron ao Goberno galego, por considerar que as súas políticas están a minar a existencia do galego e a súa oficialidade.

A plataforma tamén anunciou que organizarán autobuses desde A Mariña ao prezo de 5 euros para facilitar a asistencia á manifestación. As persoas interesadas en sumarse á mobilización poden anotarase chamando aos teléfonos 982 581861 ou 982 140654.

Queremos Galego fai un chamamento á unidade e á acción colectiva para devolver ao galego a súa vitalidade e garantir que a lingua siga sendo un símbolo de identidade para Galicia.

0.15504693984985