“Queremos estudar a riqueza da biodiversidade da zona”

AMariñaXa
A investigación suma agora un novo achado co estudo de varias colonias de corais negros que se atopan moi preto da praia das Catedrais.
corais negros ribadeo
1 Mar 2021

Juan Manuel García, biólogo mariñao, fala do descubrimento de corais negros.

Por Claudia López

A Mariña lucense conta con incribles paisaxes recoñecidos por todo o mundo, pero detrás dos espectaculares recunchos galegos existen moitos conxuntos de vida por descubrir. A investigación da biodiversidade da costa de Ribadeo suma agora un novo achado co estudo de varias colonias de corais negros que se atopan moi preto da praia das Catedrais. Formando parte de esta pescuda atópase o biólogo mariñao Juan Manuel García Cambeiro, que explica a particularidade de dita especie e a importancia da súa investigación.

Como se iniciou o proceso de investigación dos corais?

Os corais xa se habían descuberto hai máis de cinco de anos, en 2015, nunha inversión de Carlos Gil coa empresa de mergullo Maresma, pero seguían ocultos ao público en xeral e ao mundo científico porque non se estudaran. Eu estaba facendo as prácticas do título que te habilita como mergullador profesional nesa empresa e ao igual que Carlos formo parte das ONG Tantak e Hydroheart que traballan para a conservación dos fondos mariños. Coñecín a existencia dos corais e pensei que se debían analizar máis a fondo. Propúxenlle a Carlos Gil e máis a Iria Fernández, investigadora en xenética da UVigo, colaborar para sacar adiante a investigación.

Que singularidades tivo o achado?

Identificouse a especie Antipathela subpinnata, que se atopa maioritariamente no Mediterráneo unha profundidade de entre 100 e 200 metros. Os que atopamos preto das Catedrais localízanse a tan só 38 metros.

Que supón que teñan esa profundidade?

É unha profundidade bastante afortunada porque se atopa entre os limites do buzo recreativo, calquera mergullador ou mergulladora de certo nivel pode ir a velos. Para nós como investigadores fainos moito mais sinxelo o seu estudo. Se fora máis profundo teríamos que utilizar somerxibles e drons para coller mostras. Así, tirándonos á auga cun tanque, sempre con certa planificación porque segue sendo unha inmersión complicada, podemos facelo.

Como está a ser o proceso de investigación?

Recollemos mostras de tódalas colonias que había nesa poboación, que eran unhas 13, e mandáronse á Universidade de Vigo para que as estuden. En decembro solicitamos a bolsa internacional da Fundación Revive & Restore para poder estudar a biodiversidade da zona. De obtela trataríase de secuenciar o xenoma destes corais e facer un estudo xenético moi completo. Se se poden estudar finalmente tódolos xenes poderíamos comprobar a riqueza da biodiversidade da zona e ver se se trata dunha especie nova diferente da estudada no Mediterráneo. Aínda que non nos concedan a bolsa nos trataremos de facer un estudo máis sinxelo da poboación, pero polas características físicas é moi difícil determinar se son especies diferentes. Gustaríanos aproveitar todo ese coñecemento como fundamento para protexer esta poboación de corais porque é moi delicada e facilmente poden verse danados. Se nos conceden a bolsa aportaríamos máis datos que nos permitiran ter o suficientemente peso para protexelos.

Ata agora foron danados os corais?

Ademais do que poden sufrir polo cambio climático ao aumentar a temperatura da auga, as persoas podemos danalos moito mediante a pesca. Intentaremos que se prohiba atracar ou pescar nesa zona en concreto, que é un punto bastante pequeno, para preservar os corais. Xa atopamos áncoras que se engancharon en rocas e quedaron abandonadas afectando ás colonias.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.19339394569397