Queixas en Ribadeo polo servizo de Correos
Acisa quéixase das numerosas devolucións de cartas que están a sufrir estes días moitos asociados e asociadas por parte de Correos en Ribadeo.
O presidente da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos, Francisco Iriarte, asegura non entender o que está a pasar: “nun pobo onde nos coñecemos todos e onde os carteiros non cambiaron, están a devolverse cartas por erro nalgún dato, aínda coñecendo ao cento por cento ao destinatario. Refírome negocios, que na maior parte dos casos levan o nome comercial, algo que é perfectamente visible na rúa e que non cambiou. Pois mesmo esas cartas, esas comunicacións, están a devolverse. Recibimos chamadas de clientes advertíndonos desta situación e dándonos as súas queixas”.
Iriarte Quintana pregunta “por que esas cartas non se entregan? O traballo dos carteiros foi sempre impoluto, amable e afable. Se che coñecían entregábanche unha carta na rúa, ou che avisaban de que che ían a levar un certificado nun intre, mesmo che chamaban por teléfono… insisto en que isto é un pobo, onde nos coñecemos todos e agora en xaneiro seguimos sendo os mesmos de hai un mes. Non entendemos por que un bo servizo, algo que funcionaba ben, elimínase con tanta facilidade. Somos veciñas e veciños uns doutros e deberiamos estar para axudarnos, non para complicarnos as cousas”.
O xerente de Acisa, Jesús Pérez, sinala que “Correos é unha empresa pública que pagamos todos e que está a dar un peor servizo que os seus competidores. Un repartidor dunha empresa privada non deixa ningún envío sen entregar, en cambio Correos devolve toda carta ou paquete, que por dicilo así non leve o ADN da persoa a quen vai dirixido”.
Pérez Prada engade: “podemos entender que sexan normas ditadas desde Madrid, pero non se puiden seguir o malo costume do centralismo, non toda España funciona como Madrid, onde ninguén se coñece. Aquí os carteiros levan repartindo anos nas mesmas rúas, nos mesmos negocios, coñecen polo nome a ou polo alcume aos veciños e aos empresarios, con todo teñen orde de non entregar as cartas que leven algún dato incorrecto na dirección postal, aínda que no caso dos negocios sexan perfectamente identificables e poderían ser entregadas aos seus destinatarios sen ningún tipo de problema”.
O presidente de Acisa destaca que “son moitas as queixas que desde hai xa tempo recibimos e que nos consta que tamén recibe a dirección de Correos, a oficina de repartición de Ribadeo. Isto non é un capricho é un chamada á sensatez, a empatía e a humanidade das persoas. Esta situación orixina problemas a veciños e empresas, facturas que non chegan, comunicacións que non se reciben, requirimentos… algo que pon ás veces en aprietos a quen ten que recibilos ou a quen os manda”.