Queixas en Foz pola rampla en construción de acceso á residencia
O PP de Foz acaba de solicitar acceso ao expediente e ao proxecto de construción da rampla, xa en obras, de acceso dende a rúa do Asilo á residencia da terceira idade. Esta iniciativa, segundo explica o concelleiro popular Juan Rivas, prodúcese “porque despois de recibir varias chamadas de persoas vinculadas ao mundo da accesibilidade, existen dúbidas de que a rampla cumpra a total legalidade, tanto a normativa estatal como a normativa galega”.
Rivas sinala: “O PP está a favor e apoia a construción desta rampla, que facilitaría o acceso non só aos residentes da residencia, senón que, como dá a dúas vías públicas, podería ser utilizada por moita xente para ir ao cemiterio, a varias urbanizacións e ao centro de día; entendemos que é unha rampla que debe facerse en condicións”.
O mesmo concelleiro popular di que non entenderían “que por uns centímetros non se cumprira a total legalidade que require a construción dunha rampla deste tipo”.
Por elo, Rivas di que “ante as dúbidas, queremos analizar o proxecto e ver se realmente se cumpre ou non a legalidade na construción desa rampla”.