Queiman o banco elaborado cos restos do castiñeiro centenario de Cinoche, en Burela

AMariñaXa
O Concello de Burela amosa a súa repulsa cara a queima da escultura e convoca unha concentración contra os delitos de odio no lugar dos feitos
banco_Cinoche
24 Xul 2024

Queiman o banco elaborado cos restos do castiñeiro centenario de Cinoche. Dende a Asociación de Veciños O Vencello denuncian o acto vandálico e lamentan que esta peza tan singular para Burela tivera este final por mor deste feito tan ruín. Ao fío deste triste acontecemento, queren tamén poñer de manifesto a súa inquedanza ante o preocupante incremento de delitos no concello nas últimas datas.

Aseguran que sucesos coma a queima a do banco de Cinoche, xunto cos intentos de roubo en varios locais comerciais e de hostalaría e o recente roubo con violencia a unha muller de avanzada idade á luz do día e en pleno centro da vila, fan que exista un estado de alarma, indignación e tensión en aumento entre a veciñanza. Por isto, queren trasladar a súa preocupación ao Concello e á subdelegación do Goberno en Lugo e demandámoslles que, ademais de informar da súa labor en Redes Sociais e de publicar regularmente en prensa as reunións na Xunta Local de Seguridade, artellen máis vixilancia na rúa.

O Concello de Burela tamén amosa a súa repulsa cara a queima da escultura creada a partir do castiñeiro centenario do camiño de Cinoche, e convoca unha concentración contra os delitos de odio no lugar dos feitos para este mércores 24 de xullo, ás 20.30. A obra, que servía como banco para a veciñanza e turistas que visitaban a zona e gozara dunha gran repercusión, foi creada polo artista Carlos García logo de que o singular castiñeiro fora derribado en febreiro pola borrasca Karlotta. Foi inaugurada o pasado día 9 de xullo.

“Espertar hoxe coa noticia de que a árbore centenaria que foi convertida en banco, obtendo tantísima aceptación e agarimo entre a veciñanza, foi calcinada, provócame como alcaldesa unha indignación total e unha repulsa absoluta”, sinala a rexedora Carmela López. “Se o culpable ou culpables pensan que todo vale están equivocados, e se pensan que isto é un ataque persoal ou contra o meu equipo de goberno están máis equivocados todavía”, engade.

López afirma que “este atentado, este delito de odio, non é contra nós, é contra todo un pobo, e por isto aproveito para facer unha convocatoria para concentrarnos no lugar dos feitos contra os delitos de odio, porque non todo vale”. Dende o Concello solicitan á veciñanza que acuda á concentración preferiblemente a pé, ao tratarse dunha zona con prazas de aparcamento moi limitadas. Haberá control de tráfico.

0.23367094993591