Queda restablecido o servizo de socorrismo na praia de O Portelo de Burela
Hoxe luns queda restablecido o servizo de socorrismo na praia de O Portelo, que onte se suspendeu tras a sospeita dun posible positivo de covid19. Finalmente ese profesional deu negativo nas probas que lle foron practicadas e poderá reincorporarse ao seu posto de traballo, segundo informou nesta xornada a concelleira de Medio Ambiente, Toñi Eijo.
A edil burelesa dixo que “desde o Concello de Burela queremos trasladarlle á veciñanza e ás persoas usuarias das nosas praias, que o servizo de socorrismo da praia de O Portelo quedará restablecido mañá, luns”.
Toñi Eijo explicou que “no día de onte, 7 de agosto, como consecuencia da sospeita dun posible caso de contaxio da covid19 dun dos socorristas, seguindo os protocolos establecidos, dito servizo nese areal tivo que suspenderse. Tras a realización dos tests pertinentes e unha vez confirmado o negativo dese empregado público, este poderá reincorporarse mañá, día 9, ao seu posto de traballo, quedando así plenamente restablecido o servizo”.
A concelleira de Medio Ambiente pide desculpas polas molestias ocasionadas: “queremos manifestar en todo caso as nosas desculpas polos eventuais trastornos que está situación puido causar e agradecer á veciñanza a súa comprensión ante unha circunstancia e unha situación complexa como a acaecida, que se tratou de xestionar coa maior responsabilidade e dilixencia posible. Agradecer igualmente ao persoal do servizo afectado tanto o seu traballo, como a súa disposición para facilitar a solución a está situación”.
Eijo engadiu que “como non podía ser doutro xeito, para o goberno da Corporación Municipal de Burela a saúde e a seguridade, nunha situación de emerxencia sanitaria como a que estamos a vivir, está por encima de calquera outro interese".