Pura Salceda, gañadora do VII Premio de Novela Vilar Ponte de Viveiro coa obra 'A dous pasos do Edén'

O xurado do sétimo Premio de Novela Vilar Ponte, convocado polo Concello de Viveiro, acordou por unanimidade conceder o galardón á obra 'A dous pasos do Edén', da escritora Pura Salceda Carballeda, e nomear como finalista a novela Vera, de Ignacio Vidal Portabales.
Da obra gañadora, o tribunal destacou “a habelencia para mergullarnos no límbico mundo hospitalario no que se move o protagonista, un paciente en diálise que rememora unha intensa vida amatoria mentres cruza o seu camiño cunha miríade de personaxes cos que coincide nas sesións de tratamento”. Segundo recolle a acta, trátase dunha narración “na que vidas diversas converxen nun purgatorio de salas de hospital, onde se tecen redes de amizade e afectos que fan fortes a estes seres fronte ao horizonte dun final ameazante”.
No caso da obra finalista, Vera, o xurado salientou “a súa capacidade para introducirnos na vida dunha muller que fica soa cando o seu home marcha de cooperante a África”. Tamén valorou “a orfandade sobrevida, as dificultades no trato familiar e social e a dubidosa esperanza dun futuro incerto que gravitan no corazón desta historia fondamente emocional, inzada de ocultas perdas e inesperadas lumieiras”.
O tribunal do Premio Vilar Ponte estivo composto por Carlos Nuevo Cal —cronista oficial de Viveiro, profesor e historiador—, Rosalía Morlán Vieites —escritora e enfermeira— e Armando Requeixo Cuba —investigador, profesor e crítico literario—. Actuou como secretaria, con voz e sen voto, M. Rosario San Isidro Franco, traballadora do Concello de Viveiro, que levantou acta da sesión.
O Concello de Viveiro felicitou ás persoas galardoadas e agradeceu o labor rigoroso do xurado, así como a todos os autores e autoras que participaron nesta sétima edición do certame literario, que se consolida como unha das citas culturais máis destacadas da Mariña lucense.