Publicado o anteproxecto da construcción da nova depuradora de Foz
O DOG publicou o anteproxecto e o estudo de impacto ambiental para a construción da nova depuradora de Foz, en A Granda, entre Forxán e Fazouro. Esta obra, que supón a retirada da actual EDAR, conta cun investimento de 12,2 millóns de euros. O alcalde, Javier Jorge Castiñeira, subliña que “é un paso adiante para resolver os problemas de saneamento que ten o concello”.
O rexedor anunciou: “desde o equipo de goberno do Concello de Foz queremos congratularnos da boa noticia que sae hoxe no Diario Oficial de Galicia porque concretamente a Consellería de Medio Ambiente publica o anteproxecto da nova depuradora, que son un total de 12,2 millóns de euros, máis o estudo de impacto ambiental. Dáse un prazo de trinta días para que a xente poida velo e examinalo, e que veciños, asociacións e outros entes poidan alegar nas circunstancias que sexan oportunas”.
Javier Castiñeira salienta que “para o goberno municipal é unha nova moi importante, é un paso adiante para solucionar un dos maiores problemas que ten este Concello, que é o seu saneamento, o que afecta negativamente á nosa ría, ao noso turismo e directamente ao convivir dos nosos veciños, como ben todos sabemos, posto que se situou no seu día unha depuradora nun sitio que non é adecuado, que é na zona portuaria, e cun sistema que a día de hoxe non cumpre as expectativas para un pobo como é Foz”.
O alcalde explica que “as novas son unhas instalacións fidedignas, é un investimento importante e que ven detrás dun traballo grande tanto da enxeñería de Augas de Galicia como tamén do propio Concello. A nova depuradora será ubicada na zona da Granda ou Caldouceiro, entre Forxán e Fazouro, que é a mellor alternativa que sae no estudo. A partir de aí haberá unha serie de obras importantes, ademais da propia depuradora, como son as canalizacións polo medio do centro urbano máis unha garantía de que se vai eliminar a actual EDAR; e para isto farase un tanque de tormentas no punto máis baixo da zona portuaria para posibles desbordes que poida haber en época de tormentas”.
Castiñeira fai fincapé en que “estamos moi contentos. É un paso adiante moi grande e despois deste período de trinta días de transparencia e de información pública os pasos están dados para que nos próximos meses se poida pasar polo Concello e tamén se saque a licitación tanto o proxecto definitivo como a obra da que estamos a falar, cun orzamento moi importante, de 12´2 millóns de euros, polo que é a obra máis grande que se fixo neste concello nos últimos anos”.
O rexedor quere “agradecer ao equipo de Augas de Galicia e á Consellería de Medio Ambiente o seu compromiso con Foz, e concretamente tamén ao presidente da Xunta porque sabe que é un dos asuntos importantes que nós lle planteamos sempre nas reunións que tíñamos entre Concello e Xunta de Galicia. Quero agradecer tamén á Delegación da Xunta de Galicia, concretamente a José Manuel Balseiro, por estar sempre pendente en axilizar estes temas tan importantes e tan necesarios para o concello de Foz”.