Publicado o acordo polo que se somete a información pública a construción e o estudo do parque eólico Barreiros III
Publicouse no DOG o acordo polo que se somete a información pública a solicitude de autorización administrativa previa e de construción e o estudo de impacto ambiental do proxecto de execución do parque eólico Barreiros III (expediente IN408A 2020/079). Foi publicado o luns 22 de xaneiro.
A empresa promotora é WPD Tecnorenova, S.L.U. e pretende desenvolver un proxecto eólico de 49,5 MW na área denominada O Mondigo e Penalonga.
O parque incluiría a instalación de 11 aeroxeradores de 4,5 MW de 110 m. de altura da buxa e 155 metros de diametro de rotor así como unha subestación e as pertinentes liñas de evacuación.
A información faise pública para coñecemento xeral e para que todas aquelas persoas, naturais ou xurídicas, que se consideren afectadas nos seus dereitos ou intereses poidan examinar a documentación técnica relacionada e, de ser o caso, presentar as alegacións ou observacións que consideren oportunas dentro do prazo de trinta (30) días, que se contarán a partir do día seguinte ao da última publicación deste acordo.
A documentación estará á disposición das persoas interesadas nas dependencias da Sección de Enerxía desta Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía, Industria e Innovación (rolda da Muralla, núm. 70, baixo 2º, 27071 Lugo, das 9.00 ás 14.00 horas, de luns a venres, con cita previa no correo electrónico enerxia.lugo@xunta.gal ou no teléfono 982 889 439), así como nos concellos de Barreiros e Ribadeo.
Ademais, tamén se poderá consultar no portal web da Consellería de Economía, Industria e Innovación a través da seguinte ligazón.