PSOE e BNG votan en contra de dedicar unha rúa ao empresario laurentino Ángel Hermida

AMariñaXa
A proposta do Grupo Municipal Popular de Lourenzá de que o Concello dedique unha rúa ao recoñecido empresario Ángel Hermida Seivane foi rexeitada no pleno cos votos en contra do equipo de goberno do PSOE e o BNG.
23 Mar 2024

A proposta do Grupo Municipal Popular de Lourenzá de que o Concello dedique unha rúa ao recoñecido empresario Ángel Hermida Seivane foi rexeitada no pleno cos votos en contra do equipo de goberno do PSOE e o BNG. Os concelleiros populares subliñan a “contradición” de ambas formacións; xa que no 2008 votaron a favor do seu nomeamento como Fillo Predilecto do Concello de Lourenzá, que saíu adiante por unanimidade.

Este “cambio de opinión” tamén se deu entre os membros do propio goberno; xa que a alcaldesa dixo que non lle corresponde ao Concello asignar rúas a ninguén e, posteriormente, foi corrixida por un compañeiro do equipo de goberno que rectificaba dicindo que “non é que non se poida facer, é que non o consideramos oportuno”.

Os populares inciden en que “D. Ángel Hermida Seivane sería merecedor de dar nome a unha rúa debido á súa importante pegada no ámbito empresarial que contribuíu á transformación e desenvolvemento económico do noso concello”. Así, lembran que “co seu esforzo conseguiu que a súa empresa e Lourenzá tiveran un lugar destacado na provincia”. De feito, chegou a crear 200 empregos na zona.

O PP laurentino ten claro que “o seu nome debería figurar nalgunha das rúas de Lourenzá, sen prexuízo de outorgar este mesmo recoñecemento a algún outro veciño do noso concello”. É máis, “oxalá pronto o Concello teña que conceder o título de Fillo Predilecto a algún laurentino ou laurentina”.

0.1997389793396