PSOE e BNG forzan a convocatoria dun Pleno sobre o vertido que afectou á traída en Viveiro

AMariñaXa
As dúas formacións reclaman transparencia e responsabilidades polo episodio que deixou graves consecuencias ambientais e sociais
VIVEIRO-PSOE-E-BNG-setembro-2025
11 Sep 2025

O Grupo Municipal Socialista de Viveiro, xunto co BNG, vén de solicitar a convocatoria dun Pleno Extraordinario no que a alcaldesa dea conta do vertido masivo de purín rexistrado o pasado 6 de xuño en Muras, que afectou ao río Landro e obrigou a restrinxir o consumo da auga da traída.

Aquel suceso tivo fortes repercusións tanto ambientais como sociais, xa que durante varios días os veciños non puideron empregar a auga para beber, cociñar ou para a hixiene persoal, e tiveron que abastecerse a través de camións cisterna.

Desde o PSOE subliñan que non poñen en dúbida a actuación dos servizos técnicos nin das administracións implicadas, ás que expresan o seu agradecemento, “porque grazas ao seu traballo evitouse unha verdadeira catástrofe”. O que reclaman, insisten, é transparencia e información oficial, xa que “a día de hoxe a alcaldesa non convocou ningunha xunta de voceiros nin realizou comparecencia formal, obrigando tanto á Corporación como á cidadanía a informarse unicamente polos medios de comunicación”.

A voceira socialista, María Loureiro, cualificou de “incomprensible” que, transcorridos máis de tres meses, non houbera ningunha reunión oficial para aclarar os feitos. “Nin sequera se molestou en informar aos representantes municipais. Isto é unha mostra máis da opacidade e da falta de transparencia coa que está a gobernar”, afirmou.

Loureiro engadiu que a veciñanza “merece saber que pasou, cales foron as consecuencias reais e que medidas se van tomar para evitar que algo así se repita”. Criticou tamén que a rexedora “elixa o silencio e incluso se amose molesta cando se lle preguntou no Pleno de agosto, malia os escritos presentados solicitando unha xunta de voceiros, que foron ignorados”.

"Gobernar sen informar, é gobernar de costas á veciñanza", declara Iria Cotelo, quen denuncia que “a Alcaldía continúa a ocultar información tanto neste tema como noutros, negándose a convocar xuntas de voceiros ou a ofrecer explicacións públicas, convertendo o silencio institucional en norma”

O BNG pide ao goberno local sentido común, responsabilidade política e respecto á veciñanza. Subliña que este é un novo exemplo da falta de transparencia do goberno local, xa habitual na súa maneira de proceder, e alerta de que o dereito dos/as concelleiros/as a estar informados está a ser sistematicamente vulnerado.

Por este motivo, o PSOE e o BNG reclaman un Pleno Extraordinario “para que no máximo órgano de representación municipal se dean as explicacións públicas que Viveiro precisa”. E concluíu Loureiro: “Viveiro necesita un goberno que dea a cara e asuma responsabilidades, non un executivo que intente pasar páxina como se nada acontecese”.

⚙ Configurar cookies
0.17429399490356