PSOE e BNG demandan á Xunta intervención na loita contra o lobo
Os socialistas sumáronse este xoves na protesta convocada por UUAA, para esixir á Xunta de Galicia que interveña diante da ameaza que supoñen os ataques do lobo na Mariña Lucense.
Neste acto, diante da xefatura da Consellería do Mar en Celeiro (Viveiro), tamén estiveron presentes a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, e o concelleiro Suso Fernández, así como os alcaldes de Ourol, Jose Luis Pajón; o alcalde de Ferreira do Valadouro, Edmundo Maseda; o de Foz e presidente da Mancomunidade da Mariña, Francisco Cajoto; o alcalde de Alfoz, Jorge Val e o tenente Alcalde de Muras, Mario Rouco. Tamén estivo, por parte do BNG, nesta xuntaza reivindicativa o alcalde de Muras, Manuel Requeijo.
“Nestes intres existe un grave problema de convivencia persoal co lobo na comarca da Mariña, e en determinados municipios é preocupante, por iso debemos traballar dende todas as institucións para impulsar unha solución que permita a conservación do lobo, pero tamén o respecto ás familias e ás explotacións desta comarca”, dixo Otero.
“Entendemos que a nova normativa que inclúe o lobo na lista de especies protexidas debe ter en conta a poboación de lobos por territorios, pero para iso, a Xunta e o Goberno de Feijóo teñen que asumir dunha vez por todas as súas competencias e lexislar e incluír un censo de lobos”, insiste.
Nesa liña lembrou que “a sobreprodución do lobo débese ao absoluto abandono de responsabilidades da Xunta de Galicia no mandato do PP. Por unha banda, o Plan do Lobo aprobouse en 2008, incluíndo a obriga de revisalo nun prazo de 10 anos. Polo tanto un incumprimento flagrante deste plan, porque xa pasaron 3 anos do prazo sen que a Xunta executase ningunha revisión”.
“Tampouco houbo novidades sobre o Foro Galego do Lobo onde participan todos os sectores, e a día de hoxe, o Goberno do PP segue sen ter datos actualizados sobre as cifras dos lobos, hai que lembrar que o último censo data do ano 2014”, criticou a socialista.
BNG
Por outra banda, os deputados do grupo parlamentario do BNG presentaron en Foz a proposición non de lei que levaron ao Parlamento para achegar solucións aos problemas orixinados na gandaría de montaña pola fauna salvaxe e que será debatida este venres. Na presentación estiveron tamén concelleiras e concelleiros do BNG na Mariña e membros da dirección comarcal.
Desde a organización nacionalista afirman que a Xunta reacciona tarde e mal diante dos problemas que está sufrindo a gandaría polos ataques da fauna salvaxe. Neste sentido Xosé Luis Rivas afirmou que “o PP nunca optou por fortalecer a gandaría do monte nin por darlle alternativas que fixeran dela en calquera das súas diferentes variedades (vacún, cabalar, ovino e cabrún) unha actividade que asente poboación e xestione territorio”.
Neste sentido os deputados recordaron que a Consellería de Medio Ambiente deixou varios anos sen sacar liñas de axudas pra incentivar prácticas de manexo preventivo do gando como a mellor maneira de reducir e evitar os danos da fauna salvaxe, concretamente nos anos 2013, 2014, 2015 e 2018.
Para o BNG a estratexia do PP é totalmente errada porque na intencionada confrontación co goberno do Estado só buscan réditos políticos partidarios utilizando para eso ás gandeiras e gandeiros e neste caso tamén ao propio lobo.
MEDIOS PREVENTIVOS
O BNG considera tamén que a coexistencia de especies da fauna salvaxe co gando de monte non pode ser a costa das gandeiras e gandeiros, polo que solicitan mais medios preventivos que disuadan os ataques e mais medios que compensen os danos, por eso na PNL presentada demandan tamén da Xunta establecer nas futuras ordes de axuda un criterio de conteo das vítimas dos ataques de lobo realistas que non precise da presenza e identificación de restos, que se amplíe o prazo de identificación das axudas, que se estudie cos propietarios estratexias de comercialización da carne de cabalar e vacún para obter prezos razoables e rendibles e que se inclúan nas ordes de axuda por danos o lucro cesante cunha valoración axeitada á realidade.
PARTIDO POPULAR
Pola súa banda, o PP de Lugo afirma que “é un Goberno do PSOE o que está a protexer ao lobo antes que aos gandeiros”. Os populares chaman aos socialistas lucenses a “ser consecuentes” e sumarse á ofensiva da Xunta e das comunidades do Cantábrico que veñen de recorrer ante os tribunais a protección que o Goberno de Pedro Sánchez dá ao lobo.
“A potestade das Comunidades Autónomas e os seus plans de xestión decaen en favor do Ministerio, que foi quen quixo ter esa competencia e quen debe solventar os posibles danos que cause o lobo”, explican dende o PP lucense. "A posición do PSOE en Lugo causa sorpresa, frustración e indignación porque, “unha vez máis, están do lado da Moncloa cando dá as costas reiteradamente á Mariña e aos galegos”, conclúen.
XUNTA
A Xunta de Galicia ten presentao un recurso ante a Audiencia Nacional para solicitar ao Goberno central que paralice a inclusión do lobo ibérico na Listaxe de especies silvestres de protección especial (Lesrpe), en vigor desde hai dúas semanas.
A conselleira de Medio Ambiente da Xunta de Galicia pediu “xustiza e coherencia” ao Goberno central despois de crear unha situación incómoda a catro comunidades que ocupan case o 28% do territorio nacional, nas que habitan preto de 7 millóns de españois e, sobre todo, nas que se xestiona o 95% da especie presente no Estado.
Deste xeito, Ángeles Vázquez anunciou que a Asesoría Xurídica Xeral da Xunta, xunto coas das outras comunidades lobeiras, xa iniciaron a tramitación necesaria para tentar frear xudicialmente a Orde ministerial. De feito, precisou que Galicia presentou esta mañá un recurso contencioso-administrativo contra a mesma e solicitou a súa suspensión cautelar ata que exista unha sentencia firme por parte dos tribunais.