Proxectan a creación dun área recreativa na zona ribadense da Vilavella

AMariñaXa
Proxectan a creación dun área recreativa na zona ribadense da Vilavella, recuperando os espazos verdes a través do axardinamento
concello ribadeo
1 Mar 2022

O equipo de goberno proxecta a creación dunha área recreativa na Vilavella, na que se colocará diverso mobiliario, se crearán un aparcamento ordenado de vehículos e un pequeno miradoiro e se instalará iluminación led.

Esta zona da entrada da vila, constitúe tamén o acceso aos clubs de remo e piragüismo ás instalacións da Vilavella, que se caracteriza por ser moi perigoso, xa que a zona non é máis que o resto da antiga estrada de acceso a Ribadeo, que foi quedando desconectada e que actualmente se utiliza como un aparcadoiro en precario, pero de moi perigoso acceso.

O que pretenden é facer en todo ese ámbito unha área recreativa ordenada, recuperando os espazos verdes a través do axardinamento, dotándoo de árbores, con diverso mobiliario propio de áreas recreativas e posibilitando tamén o aparcamento ordenado de vehículos. Tamén se crearía un pequeno miradoiro e se substituiría o actual e escaso alumeado público por outras lámpadas de tecnoloxía led nesa contorna.

Esta área recreativa, de fácil acceso a pé e en vehículo, serviría de zona de descanso ou de paso cara a ruta do Muíño das Aceas, dentro deste Camiño Natural da Ruta do Cantábrico que percorre toda a costa ribadense, xa que se trata dun espazo anexo á Rede Natura 2000, polo que crearíamos unha senda peonil segura para conectar o inicio do camiño ao Muíño das Aceas.

Para poder facer todo isto solicitaron unha axuda á Xunta de Galicia, a través do Fondo de Compensación Ambiental para este ano, cun proxecto que os técnicos cifraron en 40.000 euros.

0.10007691383362