A Protectora Gadoupas desminte a suposta disolución: "Seguimos e seguiremos polos cans que nos quedan"
Dende a Tenencia de Alcaldía e a concellería de Medio Ambiente de Viveiro informaban da reorganización do servizo de xestión de cans abandonados. Sinalaban que realizaron esta acción, tras a notificación de disolución da Asociación Protectora de Animais Gadoupas. Porén, desde Gadoupas desmiten esta afirmación da tenencia: "Non é certo. A verdade é que a protectora en ningún momento quixo cesar. Cando fixeron o convenio coa outra protectora tiñamos cinco cans e varios gatos. Conseguimos dar en adopción todos os gatos e dous cans. Agora mesmo seguimos e seguiremos en pé polos tres cans que tenos ata que atopen un fogar. Para nós tivera sido fácil deixalo todo e desfacela, pero non é así, non está disoluta nin se vai disolver".
Elena García, presidenta de Gadoupas, transmite así o seu sentir e o dos voluntarios da asociación tras a información dada pola Tenencia de Alcaldía. Afirma que no seu momento sempre lle pediron ao Concello ter unha nova protectora e instalacións á altura das esixencias: "Só tiñamos cinco canís moi pequenos e o volume de cans moitas veces era superior. Conto o meu caso, tiven que levar un can para o meu piso porque non había onde metelo e acabei con tres cadelas grandes nese espazo. Fronte a esta situación pediamos unha mellora e unha protectora para poder seguir facendo a labor que desempeñabamos".
"E QUE SE VAI FACER COS GATOS?"
A presidenta de Gadoupas continúa explicando: "Supostamente o Concello estivo mirando de tentar facer a protectora. No seu día, tivemos unha reunión coa alcaldesa e comentáronnos que había unhas parcelas municipais que igual servían. Porén, non valían, xa que para que o Concello pida a subvención ten que ter unha serie de características e non había supostamente ningún terreo así. Había que buscar unha solución e, ao final, a que buscou o Concello foi facer convenio con outra protectora porque tiñan que recoller tres cans".
Nese momento, as instalacións coas que contaba Gadoupas eran do Concello que "pagaba o aluguer á Comunidade de Montes" e "dun momento a outro deixaron de pagalo e vímonos obrigados a buscarnos a vida". Así, afirma que tiveron a sorte de dar cunha finca, a través de contactos afíns, onde agora hai dous cans. Agora, valora o novo panorama e apunta: "A Lei de Benestar Animal recolle tanto aos cans como aos gatos e co novo convenio que teñen agora coa protectora Garatuxa, que só recolle cans, preguntámonos: que se vai facer cos gatos?".
Desde Gadoupas queren deixar claro que non é certo que se disolveran e que quedan e quedarán polos animais que tiñan e teñen baixo a súa custodia: "Para nós eses cans e gatos eran a nosa familia e levabamos tempo coidando deles polo que non iamos deixar que foran para calquera sitio que eles decidiran".
A día de hoxe, destacan que co novo convenio do Concello e Garatuxa serán eles os encargados de recoller os animais. Porén, desde Gadoupas trasladan á cidadanía que axudarán ante a perda dalgún animal, ben a través das redes sociais ou de xeito persoal. "Queremos unicamente que conten a verdade, que non digan que nos quixemos disolver, non é así", conclúe Elena García.