Proseguen no hospital de Burela as xornadas sobre saúde mental

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, xunto á presidenta do colectivo vivariense ASPANANE, Mercedes Varela Bolón, inauguraron o xoves no salón de actos do Hospital da Costa, en Burela, as III Xornadas sobre Saúde Mental e Discapacidade Intelectual, organizadas por este colectivo social e que se celebrarán ata este domingo.
26 Out 2019

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, xunto á presidenta do colectivo vivariense ASPANANE, Mercedes Varela Bolón, inauguraron o xoves no salón de actos do Hospital da Costa, en Burela, as III Xornadas sobre Saúde Mental e Discapacidade Intelectual, organizadas por este colectivo social e que se celebrarán ata este domingo. 

Rivera Capón puxo en valor o traballo que realiza ASPANANE pola integración das persoas con capacidades diferentes que integran esta asociación e sinalou que “este colectivo é un bo exemplo de inclusión e integración, pois realizan un traballo fundamental neste ámbito, mellorando ademais a calidade de vida e de benestar dos usuarios que atende”. 

Esta é a terceira edición das Xornadas sobre Saúde Mental e Discapacidade Intelectual, nas que participan diferentes profesionais do ámbito sanitario e social, estudantes e persoas interesadas en xeral. O obxectivo é promover un foro de debate sobre a atención das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento, e dar a coñecer os diferentes recursos e ferramentas dispoñibles que pretenden mellorar o día a día das persoas con capacidades diferentes. 

Tras o acto de inauguración, tivo lugar a primeira mesa redonda sobre a Adecuación de soportes e apoios no ámbito educativo, da saúde e na vida laboral; e o relatorio sobre Implicacións, aportacións e aplicacións da neuropsicoloxía nos trastornos do desenvolvemento, impartido por Javier Tirapu Ustárroz, psicólogo e neuropsicólogo clínico no Hospital San Juan de Dios en Pamplona. 

As xornadas continuarán ao longo desta fin de semana e abordaranse cuestións relacionadas co cerebro, a neuropsicoloxía da atención, a intelixencia executiva ou as implicacións da cognición social na educación, entre outras cuestións. 

A Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual (ASPANANE) de Viveiro foi constituída e rexistrada no ano 1981 por pais de persoas con discapacidade intelectual da comarca da Mariña. O principal obxectivo que persegue é o de acadar a plena integración na sociedade das persoas con capacidades diferentes que integran este colectivo, mellorando a súa calidade de vida e a das súas familias. Esta asociación sen ánimo de lucro, conta con dous centros no que atende a máis de 50 usuarios, o Centro de Día e o Centro Ocupacional. 

0.13836193084717