Propoñen un enlace completo da A-8 con Ribadeo

AMariñaXa
A localidade de Ribadeo está delimitada por dúas estradas de gran importancia para a súa comunicación, a autovía e a estrada estatal
a8 o seu paso barreiros
23 May 2021

A localidade de Ribadeo está delimitada por dúas estradas de gran importancia para a súa comunicación, a autovía do Cantábrico, A-8, e a estrada estatal de acceso ao Porto de Mirasol. Desde que se construíu a A-8 no ano 2004, a veciñanza de Ribadeo reclamou a creación dun acceso d esta vía ao centro da vila en dirección Galicia-Asturias, pois existen dous accesos desde a Autovía para os vehículos que chegan de Asturias, pero só un da Galicia.

Por iso o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e o deputado no Parlamento de Galicia, Daniel Castro, visitaron o Concello de Ribadeo onde se comprometeron a rexistrar iniciativas para a conexión directa da A-8 co centro urbano. Na cámara baixa, o deputado nacionalista reclama ao Goberno do Estado para realizar o proxecto construtivo de transformación e contar coa dotación orzamentaria precisa e resolver os problemas de tráfico.

Trala a xuntanza entre o equipo de goberno municipal de Ribadeo e os deputados do BNG no Congreso, Néstor Rego, e no Parlamento de Galicia, Daniel Castro, trouxo consigo o compromiso de rexistrar iniciativas na cámara baixa do Estado para que se comece o proxecto construtivo de transformación do enlace da A-8 co centro urbano. Por unha banda, insta o Goberno do Estado a levar a cabo, no marco das súas competencias e en coordinación co Concello de Ribadeo, as actuacións necesarias que permitan transformar o semienlace existente na A-8, nunha ligazón completa para dar servizo ao centro urbano. 

“Nos últimos anos, Ribadeo mantivo un importante crecemento urbano, sobre todo debido ao seu interese turístico e por ser un destino preferente como segunda residencia vacacional e de fin de semana” lembra o deputado do BNG no Congreso. Este factor, sumado “á gran actividade comercial e de lecer que atrae un elevado número de persoas tanto do resto da comarca como de Asturias”, supón un notable incremento do tráfico nos accesos a esta localidade, especialmente nos períodos estivais e nos días non laborables.

A apertura da autovía do Cantábrico, a A-8, ao seu paso pola contorna desta vila, non liquidou as necesidades de conexión desta vía de alta capacidade coa localidade de Ribadeo. Tanto é así que en dirección a Asturias tan só existe unha saída, na localidade de Piñeira, sinalizada como saída Ribadeo Sur, saída situada a varios quilómetros do centro urbano de Ribadeo e de xeito evidente insuficiente non só pola súa distancia relativa do centro urbano senón tamén polo feito de que existe unha gran superficie nesa localización, o que converteu esta saída nun auténtico embude, coa consecuente conxestión de tráfico.

“É de gran importancia para as comunicacións e a mellora do tráfico, que se execute ese acceso central a Ribadeo e que conte cunhas características apropiadas para absorber o volume de tráfico de entrada e saída” apunta Rego. “Trátase, en definitiva, de construír un vial directo a Ribadeo que ademais de mellorar a circulación, sirva de comunicación e vertebración aos futuros desenvolvementos urbanísticos desta localidade” conclúe o deputado nacionalista.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17981004714966