Promocionarán a pescada do pincho a través de experiencias gastronómicas e turísticas
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou na presentación do proxecto Diagnose e creación dun produto turístico con sinerxías en Galicia e Castela e León, centrado na pescada do pincho de Burela, onde destacou a importancia de darlle valor aos produtos do mar e enxalzou o labor desenvolvido nos últimos anos polos armadores de Burela neste eido.
A titular de Mar salientou durante o evento, que se celebrou no Centro Superior de Hostalería de Galicia e no que tamén participou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, a transcendencia de conseguir que os clientes distingan e valoren a calidade do produto que se lles ofrece, un aspecto que redundará en que acade mellores prezos en todos os elos da cadea de valor.
Na acción posta en marcha, impulsada pola Organización de Produtores Pesqueiros de Burela (OPP-7) e coa colaboración da Xunta de Galicia e do Goberno de Castela e León, promocionarase a pescada do pincho desde a súa captura ata a súa degustación cunha maridaxe de experiencias gastronómicas e turísticas. A iniciativa desenvolverase mediante unha ruta paralela ás do Camiño de Santiago que pasará por oito municipios de Galicia e seis de Castela e León e 18 experiencias turísticas, dez delas na comunidade galega.
Rosa Quintana salientou que esta acción contribuirá a enxalzar “un dos mellores produtos do mar de Galicia” en seis municipios leoneses e nos concellos de Pedrafita do Cebreiro, Lugo, Vilalba, Mondoñedo, Lourenzá, Foz, Cervo e Burela. Neste sentido, a titular de Mar agradeceu o labor desenvolvido polos armadores de Burela na consecución deste obxectivo.
A conselleira incidiu en que a promoción dos produtos do mar tanto en Galicia como no exterior permite dar a coñecer as bondades dos peixes e mariscos da comunidade e favorece que aumente a súa demanda e obteñan mellores prezos impulsando os ingresos das frotas e profesionais que os capturan. Ademais, permite dar a coñecer as técnicas selectivas, sustentables e respectuosas co medio ambiente que se empregan na súa extracción, o que lle confire unhas características e unha calidade excepcionais.
Pola súa parte, a directora de Turismo de Galicia destacou que a gastronomía é un dos motivos principais polos que os turistas elixen Galicia e a enogastronomía un produto turístico que contribúe á desestacionalización do sector. Así, sinalou que a gastronomía galega se basea na calidade dos produtos e na profesionalización do sector, como acreditan as 15 Estrelas Michelín concedidas este ano a 14 restaurantes galegos, xuntos cos 25 incluídos na categoría big gourmand e 3 con estrela verde polo seu compromiso coa sustentabilidade. Nesta liña, engadiu que a pescada de Burela é un exemplo de produto de primeira calidade que se debe poñer en valor e dar a coñecer a través de iniciativas como esta ruta.
Ruta de promoción
A ruta de maridaxe gastronómica e turística da pescada do pincho de Burela impulsada pola OPP-7 recorrerá 14 municipios de Galicia e Castela e León a través de 18 experiencias turísticas. Nela participan 27 entidades entre institucións, restaurantes, aloxamentos hostaleiros e bodegas-hospedaxes. Deste xeito enxalzarase a pescada do pincho de Burela mediante elaboracións gastronómicas que se acompañarán dalgúns dos produtos máis destacados de Castela e León como o seu viño.