Programan xogos na praia, rutas de sendeirismo e torneos de fútbol 3x3 en Burela

AMariñaXa
O Concello de Burela acollerá ao longo dos meses de xullo e agosto numerosas actividades deportivas e de ocio dirixidas á rapazada
Casa_concello_Burela
2 Xul 2024

O Concello de Burela acollerá ao longo dos meses de xullo e agosto numerosas actividades deportivas e de ocio dirixidas á rapazada e a toda a veciñanza do municipio. Por una banda, comezan os campamentos de verán, que se desenvolverán no CEIP Virxe do Carme, de luns a venres entre as 9.00 e as 13.30 horas. O primeiro destes campamentos rematará o 12 de xullo, e os seguintes terán lugar do 15 ao 26 de xullo, do 29 de xullo ao 9 de agosto e do 12 ao 23 de agosto.

Por outra banda, o 8 de xullo, a delegación de Deportes do Concello dará comezo ó programa Verán Burela 2024. Esta iniciativa prolongarase ata o 29 de agosto e incluirá xogos na praia os luns, rutas de sendeirismo os martes, happy dance os mércores, e rutas en bicicleta os xoves. As inscricións neste programa poderán ser realizadas na Casa da Xuventude entre este mércores 3 de xullo e o venres 5 de xullo. O prezo será de 8 euros por actividade e por mes.

Ademais destas actividades, “haberá así mesmo fútbol 3x3, fútbol praia e básket 3x3, e tamén se celebrará a Carreira Burelabonita, completando a extensa programación deportiva do verán burelao”, explica o concelleiro de Deportes, Carlos Méndez Pena. A alcaldesa de Burela, Carmela López, sinala que “estamos traballando dende cada área municipal nunha programación completa, ofrecendo todo tipo de actividades para que a vila estea máis viva que nunca no verán”. Esta ampla programación deportiva serve, ademais, “para promover un estilo de vida activo saudable”, engade a rexedora.

0.17107391357422