Programan en Burela accións formativas en primeiros auxilios e uso do desfibrilador

O Concello de Burela está a desenvolver varias accións formativas en primeiros auxilios e manexo do desfibrilador (DEA) destinadas a asociacións locais e ao persoal municipal. Estas actividades enmárcanse dentro da Estratexia de Promoción da Saúde e Prevención no Sistema Nacional de Saúde, co obxectivo de mellorar a capacidade de resposta ante emerxencias e fomentar unha vila máis segura e saudable.
Nesta edición participan diversos colectivos municipais e asociacións deportivas que fan uso habitual das instalacións municipais. A iniciativa terá continuidade no tempo, co propósito de que a poboación estea o máis formada posible ante situacións de emerxencia.
O Concello agradeceu especialmente a colaboración de Camilo, enfermeiro e Técnico en Emerxencias Sanitarias do 061, “polas súas ensinanzas e apoio, que permiten que un número crecente de persoas en Burela estean preparadas para actuar ante unha emerxencia”, segundo explicou a concelleira de Servizos Sociais, Sandra Fernández.
A concelleira sinalou que “Burela é, a día de hoxe, o concello mellor cardioprotexido da Mariña”. Ademais, destacou que “seguimos apostando pola formación e a prevención como ferramentas fundamentais para coidar da saúde da nosa veciñanza”.
Sandra Fernández subliñou que “desde o Concello de Burela continuamos traballando pola saúde e o benestar da nosa veciñanza, apostando pola formación continua e pola prevención como os mellores instrumentos para salvar vidas”.