Programan a Xeoruta da Marosa, en Burela

AMariñaXa
Os participantes observarán os materiais graníticos que conforman a base da paisaxe na Mariña Occidental
cerrochan_mancomunidade_marina
18 Xuño 2024

Os asistentes á Xeoruta do Ollo do Sapo, que tivo lugar no Vicedo, coñeceron a evolución desta zona costeira. Esta actividade enmarcouse dentro do Programa de Xeoturismo que arrincaba a finais de 2023 no contexto do Plan de Sostibilidade Turística na Mariña, que cofinancia a Mancomunidade de Concellos, coa Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo.

A Xeoruta do Ollo de Sapo transcorreu sen incidencias nunha fin de semana na que choveu en toda Galicia excepto na Mariña Lucense. A visita deu comezo ás 10.30 horas, e durante unhas 3 horas as persoas que participaron percorreron as praias de San Román e Xilloi. Nestes areais atópanse materiais de orixe volcánica, que reciben o nome de Ollo de Sapo, xa que amosan unha textura moi característica de grans de cristais de feldespato e cuarzo azulado.

Ademais, o xeólogo Fran Canosa explicoulles a orixe e a evolución desta zona costeira. Quince foron as persoas que participaron nesta actividades chegadas desde As Pontes, Foz, Viveiro, Ames, Lugo, Burela e Ourol.

A Mancomunidade de Concellos da Mariña programou para o 29 de xuño a Xeoruta da Marosa, en Burela, de 10 a 13 horas, guiada polo xeólogo Iván Rodríguez. Os participantes observarán os materiais graníticos que conforman a base da paisaxe na Mariña Occidental, así como a dinámica costeira, as formas de erosión e depósito como covas, cantís, praias ou tómbolos. O número de prazas dispoñibles nestes momentos é de 10. As inscricións poden facerse a través da páxina web.

0.16277289390564