Programada para o día 22 a presentación do ensaio 'Cunqueiro e Lezama. A luz do mundo que se afasta'

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
10 Dec 2019

O próximo día 22, ás 12.30 horas, terá lugar en Mondoñedo a presentación da publicación Cunqueiro e Lezama. A luz do mundo que se afasta, da que é autor César Cunqueiro. A edición corre a cargo da Casa Museo de Álvaro Cunqueiro, dependente do Concello de Mondoñedo, co patrocinio da Consellería de Cultura. A presentación serve para recordar que o insigne autor naceu en Mondoñedo o 22 de decembro de 1911. A publicación deste traballo é a primeira iniciativa deste tipo que pon en marcha a Casa-Museo desde a súa apertura en marzo pasado.

O autor recoñece no preámbulo deste interesante estudo que pode resultar sorprendente a aproximación das vidas e proxectos de dos autores que, aparentemente, teñen moi pouco en común como son o mindoniense Álvaro Cunqueiro (Mondoñedo, 1911-1981) e o cubano José Lezama (La Habana, 1910-1976). César Cunqueiro, fillo do autor de Merlín e Familia, aclara que non hai aproximación posible entre Lezama e Cunqueiro no que se refire ao estilo.

César Cunqueiro establece paralelismos entre os dous autores tanto no vital como no que se refire ás súas respectivas obras. Destaca así que ambos tiveron desenganos cos réximes políticos cos que simpatizaron no primeiro momento. Se Lezama pronto comprobou qué era realmente a Revolución á que saudou, Cunqueiro non tardou en desenganarse con respecto ao falanxismo, co que coqueteou de mozo, máis por estética que por puro convencemento político. Tamén coinciden en que ningún dos dous foron grandes viaxeiros e en que ambos estaban convencidos da ameaza que representaba a tecnoloxía para o modo de vida tradicional.

En A luz do mundo que se afasta, o autor mergúllase no esencial da obra dos dous escritores e, baixo a tona, case sempre enganosa, descobre que así como na de Lezama, detrás da dificultade de lecturas como Paradiso, hai portas abertas á claridade, en Cunqueiro a aparente claridade oculta case sempre profundidades intelectuais.

O ensaio que será presentado o próximo día 22 é, como se aclara na publicación auspiciada polo Concello de Mondoñedo, unha versión revisada, aumentada e traducida ao galego de tres conferencias pronunciadas polo autor en Vigo, no ano 2015, na librería Mishima.

0.058826923370361