Produtores lácteos da provincia mobilízanse en Nadela para reclamar prezos xustos do leite en orixe

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Desde Agromuralla denuncian que estas decisións agravan a situación dun sector xa tensionado e poñen en risco a viabilidade de moitas granxas
concentracion-gandeiros-agromuralla-lactalis-nadela
25 Mar 2026

A planta de Lactalis en Nadela foi escenario este mércores, desde as 11:30 horas, dunha mobilización convocada pola Asociación Agromuralla, que reuniu a numerosos produtores de leite, acompañados de tractores, para denunciar a situación crítica que atravesa o sector.

Durante a protesta, os asistentes exhibiron unha pancarta co lema “por un prezo xusto do leite, que cubra os custos de produción”, nunha clara reivindicación fronte ás recentes baixadas de prezos aplicadas pola industria. Ademais, como acto simbólico de rexeitamento, varios participantes romperon bricks de leite da marca Puleva á entrada das instalacións.

A mobilización responde ao malestar crecente entre as explotacións gandeiras, que consideran inxustificadas as reducións no prezo do leite nun contexto no que os custos de produción seguen a aumentar. Desde Agromuralla denuncian que estas decisións agravan a situación dun sector xa tensionado e poñen en risco a viabilidade de moitas granxas.

Os produtores participantes quixeron facer visible o seu descontento e reclamar condicións máis xustas na cadea de valor, insistindo na necesidade de garantir prezos que cubran os custos e permitan unha renda digna. Neste sentido, advertiron de que Galicia, como principal territorio produtor, pode marcar o rumbo das negociacións a nivel estatal nos vindeiros meses.

A protesta tamén puxo o foco na importancia da unidade do sector como ferramenta clave para facer fronte á actual conxuntura. Os convocantes insistiron en que só a través da mobilización conxunta será posible frear a tendencia á baixa nos prezos e defender os intereses das persoas produtoras.

Con esta acción, Agromuralla busca aumentar a presión sobre a industria láctea e abrir un escenario de diálogo que permita avanzar cara a un modelo máis xusto e sostible para o conxunto do sector.

0.11680006980896