Primeiros pasos de revitalización do parque Pernas Peón

AMariñaXa
O Concello de Viveiro quere aclarar as actuacións levadas a cabo no parque Pernas Peón tralas críticas verquidas por Por Viveiro.
3 Feb 2024

A tenenta da alcaldía e responsable da área de Parques e Xardíns do Concello de Viveiro, Míriam Bermúdez, informa dos primeiros pasos de revitalización do parque Pernas Peón, “comezando polo arranxo do firme dos camiños, que irán en terra batida coa novidade de que irá apelmazada cunha leve forma de cunca, o que favorecerá a evacuación das augas mantendo o firme máis seco e cunha maior durabilidade dos camiños en bo estado”.

Tamén se aproveita para informar de que o Concello recibiu un informe de arboricultores especializados no que, tras visitar e inspeccionar o parque, recomendan unha reforestación do espazo, renovando varias das árbores existentes xa que algunhas se atopan en mal estado e noutros casos, como o pino de Monterrei, supón un perigo pola presenza da procesionaria aínda sen arranxar.

“En vindeiras datas lanzaremos un cuestionario para que a veciñanza poida participar da decisión dos futuros usos do Parque Pernas Peón”, engade Míriam Bermúdez.

0.20757508277893