Primeira alcaldesa burelá?
Carmela López do PSOE ten 5 concelleiros, os mesmos que Manuel Rouco do PP, e o BNG conseguiu 2 que servirán para afianzar pactos de coalición.
Os veciños de Burela pronunciáronse dando un empate aos socialistas e os populares. Así, o PSOE con Carmela López á fronte conseguiu case o 38 % dos votos, menos que no 2019, polo que perderon un concelleiro, pero que os deixa con 5.
“Agradézolle aos veciños de Burela, a todos sen distinción política, a súa participación nas eleccións de hoxe. Votar é un compromiso coa democracia e tamén con Burela. Sodes un orgullo”, dixo López.
“Temos a responsabilidade de estar á altura deste mandato e chegar a un acordo por Burela. Dedicarei todo o meu tempo, toda a miña experiencia e todos os meus coñecementos a gobernar Burela para todos. Estarei á altura da enorme responsabilidade que puxeron nas miñas mans e na do meu equipo. Síntome preparada para gobernar e mellorar a vida dos veciños. Iso farei e iso faremos desde o minuto 1 do mandato. Mellorar Burela e facer deste municipio unha referencia de boas políticas municipais e de bo trato aos veciños”, dixo tras coñecer os resultados.
Os populares representados por Manuel Rouco conseguiron tamén a mesma porcentaxe e o mesmo número de concelleiros que os socialistas. “Estamos expectantes ante as valoracións dalgúnhas formacións políticas”, dixo Rouco, “estamos a expensas do que decida o Tribunal Electoral de Mondoñedo no referente aos votos nulos pois foi unha cifra récord en Burela e pode haber un concelleiro en liza, e estamos a un paso do sexto edil”.
CONCELLEIROS ELECTOS
- Carmela López Moreno PSOE
- Ramiro Fernández Rey PSOE
- Lina Gómez Pardo PSOE
- Carlos Méndez Pena PSOE
- Patricia Eijo Palmeiro PSOE
- Manuel Rouco López PP
- Encarnación Bernal Marín PP
- Félix Alberto Martins Gonçalves PP
- María Teresa Lanza Méndez PP
- María Teresa García González PP
- Mario Pillado BNG
- Sandra Fernández Cillero BNG
- Alberto Eiroá Pérez SON
Pola contra, o BNG de Mario Pillado non convenceu á veciñanza e perdeu un concelleiro respecto ao 2019. “Somos conscientes dos resultados, perdemos 90 votos e un concelleiro. Pero tamén nos deixa nunha situación case de privilexio e temos unha oportunidade e hai que aproveitala. Agora teremos unha asemblea do partido para analizar os datos e despois veremos cal é a nosa postura e como serán as negociacións”, dixo Pillado.
Tamén aparece na corporación burelá Alberto Eiroá con Son Burela, pois con case o 7 % dos votos suma o seu primeiro edil. Este empate entre PSOE e PP obliga a que haxa un acordo entre partidos.