Preto de 26.000 persoas pasaron polas oficinas de turismo de Ribadeo durante o verán

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
O Concello de Ribadeo fixo balance deste verán no que un total de 25.
Pablo Candamio
4 Sep 2020

O Concello de Ribadeo fixo balance deste verán no que un total de 25.979 persoas pasaron polas oficinas de turismo da vila e da praia das Catedrais. O concelleiro Pablo Vizoso sinalou que “foi un verán atípico marcado polo confinamento que sufriu a comarca da Mariña en xullo, pola ausencia de grupos organizados e pola presenza testimonial de peregrinos”. Segundo os datos que manexa o Concello a ocupación hoteleiro en xullo roldou entre o 25% e o 50% mentres que en agosto situouse no 75%, aínda que houbo días nos que chegou ao 90%. Vizoso Galdo subliñou que as actividades organizadas desde Turismo, como as Xeorutas e as visitas guiadas, foron un éxito.

O edil de Turismo en Ribadeo declarou que “na oficina de turismo do centro da vila, que abriu durante todos os días deste verán en horario de mañá e tarde, contabilizáronse un total de 10.831 viaxeiros, dos que 2.683 corresponden ao mes de xullo e 8.148 ao mes de agosto. Os días de maior afluencia foron o 18 e o 21 de agosto con 370 e 365 persoas atendidas respectivamente. No punto de información turística da praia das Catedrais, que tamén abriu todos os días do verán en horario de mañá e tarde, rexistrouse unha entrada de 15.148 consultas, e corresponden ao mes de xullo 4.877 e ao mes de agosto 10.271. O día de maior afluencia foi o 22 de agosto con 618 persoas”.

Pablo Vizoso comentou que “estamos vivindo un verán totalmente atípico desde o punto de vista do turismo e isto é debido principalmente a tres motivos. O primeiro, o confinamento da comarca da Mariña producido a primeiros de xullo, que durou realmente dúas semanas pero que os seus efectos e consecuencias se trasladan a un período de tempo moito máis prolongado. O segundo motivo é a practicamente nula asistencia de grupos de turistas organizados, fundamentalmente debido ao risco que supón este tipo de modalidade de viaxes e polas restricións ás reunións de grupos de persoas non convivintes. E o terceiro motivo é un descenso no número de peregrinos, de feito que a realidade nos di que o paso deste tipo de viaxeiros polas oficinas de turismo foi practicamente testimonial”.

O concelleiro ribadense apuntou que “no mes de xullo a porcentaxe de ocupación oscilou entre o 25% e o 50%, dependendo da modalidade de aloxamento elixida. Neste mes os apartamentos turísticos foron a que mellor nivel de ocupación rexistraron. Pero se falamos xa de agosto a situación mellorou sensiblemente e a media de ocupación situouse en torno ao 75%, aínda que houbo días nos que acadou o nivel do 90%”.

E engadiu: “falando das previsións de setembro temos que dicir que os hostaleiros, que consultamos recentemente, xa nos indican que están manexando reservas sobre todo para a primeira quincena, aínda que se trata de reservas con poucos días de antelación polo que complica calquera tipo de previsión que se queira realizar. Se falamos de procedencias temos que dicir que Madrid segue a ser o principal emisor co 32% de viaxeiros, seguido de Euskadi e Cataluña co 11% e o co 10% respectivamente. Tamén Castela-León, a comunidade valenciana e Andalucía. Como dicía antes, é un ano moi atípico e polo tanto o turismo internacional reduciuse notablemente e tan só supón o 2% dos nosos visitantes”.

O edil de Turismo tamén se referiu ás actividades organizadas desde o seu departamento: “se falamos das actividades realizadas neste verán desde a Área de Turismo, co fin de potenciar a imaxe de Ribadeo como destino turístico de cultura e natureza, organizáronse visitas guiadas gratuítas todos os días, de luns e venres. Por exemplo os luns ao Santuario das Virtudes na parroquia de Arante; os martes e os xoves ás rutas xeolóxicas pola costa do noso concello como as xeorutas dos Arcos, dos Ollos e dos Pregues; os mércores, a ruta polo patrimonio indiano da vila; e por último os venres polo Ribadeo Ilustrado que percorre o casco histórico da nosa vila. Todas estas rutas atraeron a un gran número de visitantes, procedentes de toda a xeografía española, nas que se foi aumentando o seu aforo, a medida que as restricións normativas nolo permitían. Neste mes de agosto completáronse as seis modalidades de visitas guiadas e teño que dicir que tiveron unha moi boa acollida polos turistas”.

Pablo Vizoso engadiu que “por outro lado lanzamos unha potente campaña promocional, que a denominados #EstamosListos, coa que se pretende recordar aos visitantes que Ribadeo está preparado para que desfruten do noso entorno con seguridade. Esta campaña lanzouse en varios soportes publicitarios, en televisión, radio, prensa escrita e en redes sociais, co obxectivo de promover o destino de Ribadeo e tamén o seu sector turístico e comercial, que se amosan como os verdadeiros anfitrións do noso pobo. O fío condutor desta campaña é recordar aos viaxeiros os innumerables motivos para coñecer e desfrutar con confianza de Ribadeo”.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17765498161316