Prestoxove organiza o XXIX Curso de Música de Semana Santa
Prestoxove, a Orquestra Clásica de Xove organiza como cada ano nas datas da Semana Santa o seu esperado Curso de Música. Este ano realizarase do día 15 ao 19 de abril, e este mesmo día, o venres 19 terá lugar o Concerto de Clausura ás 18:00 horas no Salón de Actos do Centro Cívico de Xove.
O curso de Música de Semana Santa comezou a súa andaina no ano 1990, coa idea de poñer en contacto aos estudantes co mundo profesional dentro da música. Para levar a cabo este proxecto era preciso contar coa colaboración de profesores cunha ampla traxectoria no mundo das orquestras profesionais.
Vinte e nove anos despois segue a celebrarse este curso, que foi pioneiro na súa concepción, xa que os cursos que se viñan ofertando consistían en clases individuais de técnica instrumental e clases colectivas para traballar repertorio.
"O curso que se oferta é innovador xa que a base do seu plantexamento consiste na aprendizaxe por medio do traballo dentro da orquestra, e ofrece a posibilidade de que alumnos de diferentes niveis poidan participar, xa que se establecen diferentes formacións orquestrais ou de cámara segundo os coñecementos dos participantes, facendo especial fincapé no traballo por grupos e na coordinación", apuntan dende a organización.
Dirixido por Xan Carballal, nesta edición os profesores serán Nazaret Canosa, Rebeca Maseda, Iván Siso e Benxamín Iglesias. O programa contará con obras de Arriaga, Vivaldi, Delibes e Mozart.