Presentouse o programa oficial da Semana Santa de Mondoñedo, declarada de Interese Turístico Galego

AMariñaXa
Presentouse o programa oficial da Semana Santa de Mondoñedo, declarada de Interese Turístico Galego, que terá lugar dende o sábado 23 ao domingo 31 de marzo na cidade episcopal.
Presentación Semana Santa Mondoñedo 2024
12 Mar 2024

Presentouse o programa oficial da Semana Santa de Mondoñedo, declarada de Interese Turístico Galego, que terá lugar dende o sábado 23 ao domingo 31 de marzo na cidade episcopal.

O acto estivo presidido polo alcalde de Mondoñedo e, a este, asistiron membros da V.O.T Franciscana, Cabido da Catedral de Mondoñedo, a Concelleira de Turismo e Camiño Norte e un representante do grupo municipal socialista.

Mondoñedo, con el, saca á luz a programación da Semana Santa que, no presente ano, arrancará co Pregón, a cargo de Ramón Loureiro, na Catedral de Mondoñedo o sábado, día 23, ás 20.00 horas.

Continuarán os actos o domingo 24, “Domingo de Ramos”, coa Procesión de Ramos que arrancará na Igrexa Parroquial de Santiago e rematará na Catedral cunha Misa Solemne. Pola tarde regresa a actividade coa Procesión do Ecce Homo, precedido dun acto procesional na capela da VOT.

A actividade relixiosa retomarase, novamente, o Mércores Santo, cando, na tarde dese día, se celebre a Procesión dende os Remedios a San Blas, para continuar co Via Crucis dende San Blas ao Mosteiro dos Picos.

O Xoves Santo volta a centrarse a atención na Catedral Basílica da Asunción coa Cea do Señor, para logo celebrar a Procesión do Prendemento con saída do Barrio dos Muíños e rematar o día, novamente na Catedral, coa Hora Santa.

O Venres Santo é o día de máis actividade relixiosa pois concentra o maior número de procesións de toda a Semana Santa de Mondoñedo con epicentro na Catedral. Comeza a xornada na Fonte Vella co Santo Encontro para continuar a mañá co Vía Crucis na Catedral. Logo, na tarde dese día, celebrarase a Paixón, na Catedral, e do templo mindoniense sairán, posteriormente, a Procesión do Santo Enterro e a Procesión da Soidade, para rematar a xornada xa á noitiña acompañada por candeas e coa interpretación do Plorans do Mestre Pacheco.

O sábado terá lugar a Vixilia Pascual, á noite, e rematarán as actividades da Semana Santa de Mondoñedo o domingo, 31, coa Misa de Resurrección, que se celebrará na S.I. Catedral Basílica da Asunción.

0.20465493202209