Presenteuse o proxecto de mellora da estrada LU-161 de Landrove a Ferreira do Valadouro
A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, denunciou que as obras anunciadas pola Xunta de Galicia na LU-161 son "un simple bacheo". A rexedora socialista subliñou que "alegrámonos de que o PP teña en conta as nosas demandas e que tras reclamar hai unha semana melloras nesta vía decidan acometelas pero as actuacións que teñen previstas non chegan, son un parche e un lavado de imaxe de cara as eleccións municipais demaio".
Os socialistas de Viveiro esixen un arranxo integral desta estrada autonómica que conecta Viveiro co Valadouro. "Necesitaríanse ensanchar as vías para facelas máis seguras, dotalas de beiravías, repintar a sinalización e limpar as cunetas. Trátase dunha vella demanda que os mariñáns reclamamos dende hai unha década e que con estes traballos anunciados polo Delegado Territorial da Xunta non nos dá nin para empezar. O goberno do PP en Galicia ten medios suficientes como para facer un acondicionamento contundente".
"É curioso que a Xunta rexeitara unha emenda presentada polos socialistas aos orzamentos de 2019 na que pedíamos a mellora da LU-161 e agora, 2 meses despois, informen de que van a facer obras durante este ano".
A alcaldesa destacou que "dende o Concello de Viveiro seguiremos reclamando a mellora integral desta vía porque temos dereito a ter unhas infraestructuras decentes e non propias do século pasado, debido ao total abandono da Xunta de Galicia".
Falta de repecto institucional
María Loureiro lamentou que dende a delegación territorial da Xunta de Galicia avisaran ao Concello só con dúas horas de antelación para a presentación do proxecto "coa única finalidade de que non asistiremos. Por desgraza, estamos acostumbrados a estas faltas de respecto institucionais aos veciños de Viveiro por parte do señor Balseiro".
Ao referido acto non asistiu ninguén en representación do Concello de Viveiro por que foron avisados e convocados no mesmo día ás 9:00 horas, sendo imposible modificar as axendas previstas para o día; no caso da alcaldesa tiña convocadas reunións e citas que non era posible modificar, e no caso do Concelleiro de Facenda, único membro do equipo de goberno con dedicación, na súa axenda estaba prevista asistir a unha reunión vinculada coa área de Facenda que tivo lugar en Santiago de Compostela.
Así manifesta o seu malestar por esta forma de proceder, pois é frecuente que o Delegado Territorial da Xunta de Galicia asista en Viveiro a actos institucionais aos que non se convoca ou aos que se avisa no último momento, de feito, pasou o mesmo o luns da pasada semana, cando o delegado foi para visitar a finalización das obras do Pirixel.