Preséntase no Pazo de San Marcos un libro sobre o mindoniense Dino Pacio Líndín
Este xoves preséntase na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos Dino Pacio Líndín, o guía dunha vangarda cultural, escrita por antigos alumnos e amizades do mestre pastoricense e editada coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
A partir das 19.30 horas, o coordinador da publicación, o tamén profesor, Manuel Rivas García debullará os contidos do libro, que reflicte a fonda pegada que Dino Pacio Lindín (Xemil, A Pastoriza, 1934) deixou no seu alumnado do Seminario de Mondoñedo e que repasa a súa traxectoria en Estados Unidos onde exerceu como profesor universitario e puxo en marcha unha iniciativa para mellorar as condicións de vida dos emigrantes hispanos de Manhattan.
Sobre o libro: anotacións achegadas por Manuel Rivas
Nos relatos reflíctese o momento de cambio que se produciu no internado do Seminario de Mondoñedo entre os anos 60-66 do século pasado. Neles queda constancia dese lustro innovador no que se vai a pasar dunha mentalidade tridentina a unha apertura aos novos aires que veñen de Centroeuropa. Esa transformación foi posible porque nese momento e nese lugar estaba alí unha persoa excepcional con suficiente coraxe e intelixencia para levalo adiante: o profesor Dino Pacio.
Formado en Comillas e en varias universidades europeas, con estadías estivais en París, Alemaña e Inglaterra, estaba ao tanto dos cambios que naquel momento se estaban xestando en Europa e coñecía ben as novas ideas que agromaban no campo da literatura e filosofía, principalmente en Francia. Esas ideas chocaban cunha mentalidade que seguía sesteando tranquila no colo da neoescolástica e allea ao que acontecía alén do Padornelo.
Nos artigos aparecen esas dúas mentalidades: a máis conservadora e remisa a calquera cambio que supuxera mingua dos seus privilexios; e outra innovadora, representada por Dino Pacio e un nutrido grupo de profesores que vían con bos ollos as súas propostas de mellora do sistema formativo. El era un home adiantado ao seu tempo, un visionario que atinou a enxergar o que ía pasar na seguinte década.
Dino Pacio foi, sen lugar a dúbidas, un xigante nun país de ananos que miraban a ras de chan e non foron capaces de erguer a cabeza e apreciar a talla excepcional dunha personalidade xenial, capaz de transformar e mellorar a sociedade alí onde queira que se atopase.
Unha vez máis repítese tamén aquí a secular maldición sobre a nosa terra: que algúns dos fillos máis valiosos e ilustres vense forzados a abandonala para poder brillar en terra allea. Dino Pacio marchou aos EE.UU. e sobresaíu como profesor universitario en Nova York pero, lonxe de acomodarse na súa cátedra, loitou e logrou mellorar as condicións de vida dos emigrantes hispanos de Manhattan a través da fundación de “Solidaridad Humana” que lles posibilitou integrarse de pleno na sociedade americana a través do coñecemento do idioma e a posterior formación que os prepararía para un digno posto de traballo.
A súa escrita non é prolífica, pero é dunha orixinalidade e densidade excepcionais. Nela
latexa con forza a paixón polo saber que, como gran comunicador, sabía contaxiar a todos aqueles que tiveron o privilexio de escoitalo.
Dino Pacio
Dino Pacio Lindín ingresou en 1947 el Seminario de Mondoñedo, onde cursou Latín e Filosofía. Licenciouse logo na Universidade Pontificia de Comillas, proseguiu estudios na Gregoriana de Roma, e nas Universidades de Friburgo (Linguas Modernas) e Harvard (Socioloxía).
Tras a súa etapa en Mondoñedo, en 1966 trasladouse a Estados Unidos, onde exerceu como profesor nas universidades de Rochester, Forham , Cuny (Universidade da cidade de Nova York) e Suny (Universidade do Estado de Nova York , ) antes de fundar o seu propio proxecto docente, Solidaridad Humana, por cuxas aulas pasaban cada año más de dos mil mozos hispanos sen recursos.
O seu pensamento está contido nas súas dúas únicas obras: Juventud Radical 1956, que sufriu a censura no seu día, o que motivou a súa saída de España, e un libro entrañable para el, Terra Húmeda, dedicado a Galicia. Completan a súa obra algúns artigos espallados en varias revistas e xornais. Actualmente vive en Nova York ca su esposa e as súas fillas.