Preséntase en Burela o proxecto 'A Mariña Lab'

AMariñaXa
Un novo laboratorio dedicado a garantir a produción de alimentos no futuro da comarca
prato-do
24 Dec 2024

O Auditorio do Concello de Burela foi o escenario da presentación oficial de 'A Mariña Lab', un novo laboratorio dedicado a garantir a produción de alimentos no futuro da comarca mediante a aplicación da innovación e o desenvolvemento sostible. O evento contou coa participación de 154 estudantes e profesorado dos IES Perdouro, IES Monte Castelo e IES Foz, así como representantes do ámbito universitario, tecido social e autoridades locais.

Esta proposta novidosa centrouse na escoita, colaboración e participación da xuventude, promovendo unha reflexión colectiva sobre o presente e o futuro de A Mariña. O alumnado destacou pola súa implicación e as súas achegas, sorprendendo positivamente aos asistentes, tanto na primeira quenda do evento como na reflexión posterior desenvolvida nos centros educativos.

A Mariña Lab é un proxecto promovido pola Iniciativa 'Prato_Do' e conta coa financiación da Área Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. Colaboran entidades como a Universidade de Santiago de Compostela, o Máster en Enerxías Renovables, Cambio Climático e Desenvolvemento Sostible, Galicia Latente, Proxecto Neo e El Estudio Comunicación.

O obxectivo de 'A Mariña Lab' é impulsar a innovación social e o desenvolvemento sostible mediante dinámicas, formacións e accións de divulgación que permitan xerar proxectos cun impacto positivo na calidade de vida da mocidade e na sostibilidade económica e ambiental da comarca.

0.1641001701355