Presentan o programa Marela! para promocionar a Rubia Galega en catro concellos de Lugo

LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
Estes encontros celebraranse entre o 5 e o 9 de setembro en Lugo, Sarria, Barreiros e Becerreá
marela-e-o-deputado-daniel-garcia
4 sep 2024

A área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo organiza catro encontros para presentar o programa Marela!, unha iniciativa destinada a promover e potenciar as reprodutoras inscritas nas explotacións de Raza Rubia Galega na provincia de Lugo. Estes encontros celebraranse entre o 5 e o 9 de setembro en varios puntos da provincia, incluíndo a Casa da Cultura de Sarria o xoves 5, o Salón de Actos do Pazo de San Marcos o venres 6, a Escola de Celeiro de Mariñaos en Barreiros o 9 e a Casa da Cultura de Becerreá tamén o 9.

O deputado de Rural, Mar e Mocidade, Daniel García, explicou que estes encontros servirán para aclarar dúbidas e axudar aos gandeiros a presentar correctamente a documentación necesaria para acceder ás axudas do programa Marela!. Esta iniciativa conta cun orzamento de 200.000 euros e proporcionará axudas de 400 euros por animal, beneficiando a un máximo de 6 animais por granxa que cumpran cos criterios establecidos. En total, 500 animais poderán beneficiarse deste programa.

As solicitudes para participar no programa poderán presentarse dende o 3 de setembro ata o 23 de setembro, a través da sede electrónica da Deputación de Lugo ou de forma presencial no Rexistro provincial. O material necesario para a solicitude está dispoñible no Boletín Oficial da Provincia (BOP) de Lugo do 2 de setembro e na páxina web da Deputación.

Para ser beneficiarios, os solicitantes deben ser titulares de explotacións de Raza Rubia Galega na provincia de Lugo, con polo menos unha femia reprodutora inscrita no Rexistro Definitivo do Libro Xenealóxico durante o ano 2023. Ademais, os animais deben cumprir unha serie de requisitos, como ter acreditado un parto antes dos 30 meses, superar unha cualificación mínima de 40 puntos, e permanecer na granxa do titular durante polo menos tres anos.

+

0.1659529209137