Presentan o programa completo das San Lucas de Mondoñedo, consideradas das festas máis antigas de Galicia
A 868 edición das San Lucas de Mondoñedo amosan o seu programa completo. sO vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro participou na cita, que conta unha edición máis co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo cunha achega de 20.000 euros.
As actividades arredor do cabalo centran a axenda das festas que comezan o día 16 coa lectura do pregón a cargo de Jesús Díaz Fernández, gastrónomo e un dos fundadores do Centro Galego en Berna, e que concluirán o día 20. A baixada dos cabalos desde os montes próximos ata o campo da feira, con paso polo Barrio dos Muíños, a rúa San Roque, a Fonte Vella ou a Praza da Catedral - o día 17 - e a gran feira tradicional de gando cabalar -o día 18- serán as principais actividades arredor do cabalo no programa das feiras.
Ademais, tamén se desevolverá o III Concurso de Andadura de Cabalo Marchador Galego, certames morfolóxicos de Cabalos de Pura Raza Galega, Concurso de Andadura Galega e espectáculos de doma noctura. Efrén Castro destacou “a raíz gandeira e popular da San Lucas que se veñen celebrando desde 1156 e que recollen o pouso cultural e social de séculos de relación co cabalo e co medio natural”.
Explicou que “entendemos este tipo de feiras e festas como unha parte do noso patrimonio, por iso vimos colaborando de xeito estábel e constante co coas comisións que organizaron as festas ao longo destes anos”. Ademais do programa completo, no acto deuse a coñecer o cartel desta edición, obra de Xosé Vizoso, que coa súa creatividade ven contribuíndo tamén a dar relevancia e continuidade ás San Lucas.
Consulta o programa completo das San Lucas premendo nesta ligazón