Presentan o IX Ribadeo Indiano en Oviedo

AMariñaXa
Vega aludiu á estreita vinculación de Asturias coa vila ribadense e convidou a participar na novena edición da cita
Presentación-do-Ribadeo-Indiano-en-Oviedo
8 Xuño 2024

O Concello de Oviedo foi escenario da presentación do IX Ribadeo Indiano. No acto participaron o alcalde ovetense, Alfredo Canteli; o alcalde ribadense, Daniel Vega; a concelleira de Turismo, Marta Saiz; e o xerente de Acisa, Jesús Pérez. O alcalde de Ribadeo subliñou que o Ribadeo Indiano “é un evento multidisciplinar, que parte do feito da emigración, e ten desde o principio como trazos diferenciadores o seu marcado carácter cultural. Despois de 8 anos nos que o éxito foi a máis, agora toca afrontar unha nova edición coa ilusión posta nunha celebración que nos dá a coñecer polo mundo adiante e que se ten convertido nunha das referencias fundamentais do verán mariñán e galego”.

Vega aludiu á estreita vinculación de Asturias coa vila ribadense e convidou a participar na novena edición do Ribadeo Indiano, que terá lugar do 12 ao 14 de xullo. A concelleira de Turismo sinalou que se trata dunha cita cultural e festiva que ten tres grandes obxectivos: “Poñer en valor o noso rico legado emigrante; celebrar valores como a integración, a solidariedade, a concordia ou a interculturalidade e contribuír a que os países de acollida non sexan só lugares onde repousa boa parte da memoria de Galicia, senón tamén territorios de futuro, prósperos e útiles para todos, a través do mutuo intercambio e coñecemento”.

A Alma de dous mundos é temática desta nova edición coa que pretenden plasmar as diversas realidades que se vivía nas dúas veiras do Atlántico; xeitos de vivir que se encontraron e que hoxe en día forman parte dun acervo común. Pola súa banda, o xerente de Acisa aludiu ao impacto económico que supón para Ribadeo esta importante celebración: “É a maior das actividades que se realizan ao longo do ano. En tan so tres días o Ribadeo Indiano xera millóns de euros de facturación nas nosas empresas”.

Jesús Pérez indicou que se converteu na festa máis esperada do ano por ribadenses e visitantes chegados desde calquera punto do país. “Toda a vila se engalana para retornar un século atrás e así acordarnos daqueles que marcharon coas maletas cheas de recordos, pero tamén de ilusións. Esa é a esencia”. Pola súa parte, o rexedor de Oviedo convidou aos ovetenses e asturianos “a participar na gran cita do verán de Ribadeo, os días 12 13 e 14 de xullo, a multitudinaria homenaxe á emigración”.

Pilar Cagiao, pregoeira

O IX Ribadeo Indiano celebrarase do 12 ao 14 de xullo. O evento contará con Pilar Cagiao, historiada da USC, como pregoeira desta edición. A música será parte importante do programa, coma sempre, con concertos todos os días. O máis esperado será o do domingo que chega de Alén Mar, na voz do dominicano Vicente García, gañador de 3 Latin Grammy no 2017, 2 no 2019 e outro no 2023. Esta cita, xunto co sorteo dunha viaxe a Cuba para dúas persoas, suporá o broche de ouro a esta novena edición.

Charlas, xincana, coches clásicos, mercado de produtos de ultramar, verbenas

tradicionais, festival de habaneras e obradoiros de baile, entre outras moitas actividades, farán que os asistentes se deixen levar polas imaxes da emigración chegada das Américas a través do porto de Ribadeo. A hostalería ofrecerá menús e cócteles indianos, especialmente preparados para a ocasión.

 

0.21308493614197