Presentan en Viveiro 'Rural e tradición, un fogar en igualdade'

AMariñaXa
O Colectivo Pensamento e Sementeira recupera a Xira a Portochao e programa unha presentación literaria dunha obra que busca visibilizar ao colectivo LGBTIQA+
presentación_rural_e_tradición
4 Ago 2024

O Colectivo Pensamento e Sementeira recupera a Xira a Portochao, unha tradicional festa campestre que se celebrou por última vez no ano 1984, e que data dos anos 20 do século pasado e programa unha presentación literaria. A Xita tratábase dunha festa campestre á que se chegaba en embarcacións decoradas con ramallos e bandeiras. Os botes ían cheos de xente de Viveiro e veraneantes, uns co chalano da casa outros alugábanllo ao veciño.

Nesta ocasión, para simular o desfile de embarcacións, promóvese unha ruta en kaiak bipraza e unha andaina polo paseo fluvial do Río Landro. Para facerse cunha praza nos kaiaks é preciso inscribirse. O prezo por persoa socia será de 10 euros e as non socias de 15 euros. A ruta é de balde. A actividade comezará ás 13 horas do día 17 de agosto. A saída dos kaiaks será na rampla do pavillón polideportivo e a da andaina no aparcadoiro da Variante.

Unha vez en Portochao, convidan a tódalas persoas a que se acheguen coa súa comida para participar no xantar popular. A sobremesa será o momento dos xogos tradicionais. Ademais, coa vista na Feira do Libro, presentan Rural e tradición, un fogar en igualdade que buscar visibilizar ao colectivo LGBTIQA+ na música tradicional e no rural galego.

Esta obra foi coordinada por Sergio Marey (Pol 1997) e nela participan personalidades como  Mercedes Peón, Atenea García, Gabi Reboredo ou Pedro García Louzao, veciño de Xove e membro desta asociación. Fan un chamamento a toda a xente de Viveiro e arredores para participar nun faladoiro xunto a Sergio Marey no Conservatorio de Músico o vindeiro xoves día 8 de agosto ás 19.30 horas para dialogar sobre as conexións entre o rural, o xénero e a tradición.

Trátase dunha iniciativa promovida pola Área de Políticas de Igualdade de Xénero da Deputación de A Coruña dentro do programa “liberdade de ser e sentir” e que se iniciou cunha xornada realizada en xuño de 2023 na cidade da Coruña. Está editado pola Deputación da Coruña. Nesta ocasión traen a Viveiro ao autor coordinador para manter unha conversa (faladoiro) cos asistentes e dar así a coñecer este libro na cidade.

0.19120502471924