Presentado o libro que reúne os carteis de Xosé Vizoso sobre as feiras mindonienses

AMariñaXa
A Vicepresidencia da Deputación colabora na edición do libro, que veu a luz nunha xornada dedicada a homenaxear ao artista
carteis-sanlucas-libro
17 Oct 2025

Esta mañá presentouse en Mondoñedo o libro Xosé Vizoso. Sempre coas San Lucas, que reúne os carteis do artista mindoniense para As San Lucas, xunto a bosquexos preparatorios dos deseños que se recollen por primeira vez nunha publicación.

O volume, con textos de Antonio Reigosa, Pedro Cabarcos, Alberto Guitián, Juan Puchades e do propio Vizoso, documenta tamén outras participacións de Xosé Vizoso nas San Lucas, como o texto do pregón que deu en 1966 ou a súa intervención como xurado en certames artísticos convocados arredor das festas.

Segundo detalla Antonio Reigosa no seu texto, Xosé Vizoso fixo o primeiro debuxo para a portada das San Lucas de 1966. A partir de 1973 e ata 2024 elaborou 17 carteis nos que os cabalos son case sempre os protagonistas destacados e que amosan “a evolución dun artista cun estilo de seu ben definido, singular e sempre orixinal, e as progresivas preocupacións estéticas que convertían cada cartel nunha obra única, diferente a todas as demais”.

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo apoiou a publicación do libro, editado pola Asociación As San Lucas de Mondoñedo coa colaboración de Daniel e Pepe Vizoso e dun grupo de traballo creado para homenaxear a Xosé Vizoso no que participaron Antonio Reigosa, Miguel Souto, Xosé Artiaga, Suso Robles ou Daniel Caxigueiro, ademais de representantes da corporación municipal.

⚙ Configurar cookies
0.068777084350586