Presentado o cartel da Semana Santa de Viveiro e o programa Adral
O Concello de Viveiro acolleu o acto de presentación do cartel da Semana Santa 2023 e do programa Adral, antesala da celebración relixiosa que reúne diferentes concertos, exposicións e conferencias.
“É emocionante pensar que xa queda tan pouco para vivir nas rúas de Viveiro o sentimento que acompaña sempre á nosa Semana Santa”, subliñou no acto a alcaldesa, María Loureiro.
“Quero animar a todos os cofrades e colaboradores da Semana Santa a retomar un ano máis a tradición máis antiga que ten Viveiro, arrimando todos o ombreiro para seguir consolidando esta celebración”, afirmou a rexedora.
“Para vivir de novo con todas as súas tradicións a Semana Santa de Viveiro, a Xunta de Cofradías traballa desde hai meses de forma incansable, polo que nunca lles estaremos o suficientemente agradecidos”, engadiu María Loureiro.
No acto desvelouse o cartel deste ano, que recolle unha imaxe do Ecce-Homo da Misericordia entrando pola Porta de Carlos V, unha fotografía obra do viveirense Saúl Jiménez, nomeado de novo este 2023 aos premios Goya da fotografía profesional.
A Semana Santa do 2023 en Viveiro será aínda máis especial coa celebración o Domingo de Ramos do 75 aniversario do paso da entrada triunfal de Xesús en Xerusalén, coñecida popularmente como A Borriquita, que saíu por primeira vez polas rúas da vila en 1948.