Presentadas as actividades organizadas para conmemorar o 8M en Burela

AMariñaXa
Presentadas todas as actividades organizadas para conmemorar o Día Internacional da Muller no Concello de Burela
Cartel 8M 2023 en Burela
2 Mar 2023

A concelleira de Muller e Igualdade, Noelia Mª Ben, presentou as actividades organizadas para conmemorar o Día Internacional da Muller. A próxima semana haberá unha exposición, a iluminación da fachada da Casa do Concello de cor violeta, lectura de manifesto, unha charla e unha representación teatral.

A edil burelesa explicou que “o primeiro que faremos será iluminar de violeta a fachada da Casa do Concello. O luns, día 6, ás sete da tarde na Casa da Cultura será a inauguración da exposición dos traballos realizados por mulleres  nos cursos de tempo libre. Esa mostra poderá visitarse ata o venres en horario de 11 a 13 horas polas mañás e de 18 a 20 horas polas tardes. O martes ás 12 do mediodía no auditorio da Casa da Cultura teremos unha mesa redonda con mulleres da Garda Civil, que nos relatarán a súa experiencia profesional. Esta cita leva por título Ámbito rural, mulleres e Garda Civil, tres realidades con futuro”.

Noelia Mª Ben seguiu a relatar que “xa o propio 8 de marzo ás 12 do mediodía na praza do Concello teremos unha concentración e procederemos a ler o manifesto institucional. E o venres, día 10, ás nove da noite remataremos esta semana de actividades coa representación de Tabú a cargo de Tarabela Creativa, que contará con música en vivo de Nastasia Zürcher”.

A concelleira de Muller e Igualdade convida “a asistir a estas actividades que organizamos en Burela para conmemorar o Día Internacional da Muller”.

Cartel 8M 2023 en Burela
0.047236919403076