Presentada en Mondoñedo a campaña, Mellor local, mellor galego, en apoio ao comercio de proximidade

AMariñaXa
O BNG vén de presentar en Mondoñedo a campaña Mellor local, mellor galego, en apoio ao produto galego e o comercio de proximidade.
23 Dec 2022

O BNG vén de presentar en Mondoñedo a campaña Mellor local, mellor galego, en apoio ao produto galego e o comercio de proximidade. Na presentación participaron o portavoz municipal Eloi Cabanas, o deputado mariñao Daniel Castro e membros do Bng local.

Nesta campaña que se desenvolve en todas as localidades da comarca e do país, os nacionalistas defenden un novo modelo produtivo e comercial, apostando polo consumo de produtos galegos, que debe ser unha prioridade  na política económica e de comercializacion, fuxindo dun modelo de consumo ao servizo das grandes áreas comerciais de capital foráneo.

O noso é sinónimo de calidade

“O sustentable, o ecolóxico, o que de verdade xera riqueza e emprego aquí, o que mantén vivas e dinámicas as nosas cidades e vilas, é a producción propia, galega, a da nosa comarca e tamén as tendas e negocios do comercio de proximidade” manifestou Daniel Castro. O portavoz municipal Eloi Cabanas fixo referencia á importancia do comercio de Mondoñedo na economía local, asegurando que “o futuro pasa por darlle máis valor ao local, ao noso, que é sinónimo de calidade, coñecemento, desenvolvemento e identidade, e en Mondoñedo e na comarca temos un comercio e uns produtos de primeira”.

Propostas para potenciar o comercio local

Desde o BNG formulan varias propostas factibles para salvagardar o comercio e a economía locais, que son, entre outras, as seguintes: incentivar a compra de produtos locais e galegos, recuperación dos mercados municipais e as zonas comerciais tradicionais, promocionar a producción alternativa e ecolóxica, establecemento de liñas de crédito prioritarias para o comercio de proximidade, ou promover axudas para implantar ou mellorar establecementos que comercialicen produtos autóctonos.

0.16151905059814