Presentada a directiva do novo club de atletismo de Burela

TerraChaXa | AMariñaXa
8 Abr 2019

O salón de plenos do Concello acolleu a presentación da directiva do club de atletismo de Burela, que acaba de ser constituído na localidade. Carla Trillo, Pablo Álvarez, Siro Maseda e Dani Trigo son as persoas que o porán en marcha. Xunto a eles estiveron o alcalde, Alfredo Llano, e o concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández.

O edil burelés dixo que “tivemos varias xuntanzas durante estes días e xa temos unha directiva formada que está disposta a iniciar este proxecto, evidentemente o Concello xa lles mostrou o seu total apoio para axudarlles a arrancar esta nova andaina en todo o que poida. O primeiro que vai facer o Concello para mostrar ese apoio vai ser que para o ano que vén nas escolas deportivas municipais vamos ter a modalidade de atletismo. Queremos que sexa un xesto para animalos a eles a tirar para adiante nesta nova andaina”.

Fernández Rey sinalou que “é un obxectivo prioritario que temos desde hai tempo na Delegación de Deportes e por fin vemos realizado este pequeno soño polo que eu penso que hoxe podemos cualificalo como un día histórico para Burela e para o deporte porque nace un novo club, neste caso de atletismo, no que van participar todos estes corredores afeccionados que temos en Burela e que están logrando tantos éxitos. Era unha pena que non tiveran esta maneira de xuntarse nun club e que tiveran que andar por outros da Mariña ou do resto da provincia”.

O concelleiro de Deportes asegurou que está “súper orgulloso e súper contento de que por fin chegue este día e quero animar á xente que se vai involucrar neste proxecto e dicirlles que van contar con todo o apoio que poida darlles este equipo de goberno; e espero que o que entre, sexa cal sexa, que apoie tamén esta iniciativa porque penso que realmente merece a pena”.

0.18827605247498