Presentada a candidatura completa do PSOE de Cervo

AMariñaXa
María Luján Ramos Ben é a candidata do PSdeG á Alcaldía de Cervo nas vindeiras eleccións municipais do 28 de maio.
presentacion lujan cervo 2023
23 Abr 2023

Os socialistas de Cervo presentaron a súa candidatura para as vindeiras eleccións municipais do 28 de maio, unha lista que encabeza por primeira vez a concelleira Luján Ramos Ben.

No acto, celebrado nas Escolas Vellas de Cervo, participou o  Secretario Xeral do PSdeG na provincia de Lugo, José Tomé Roca, xunto ao senador César Mogo, así como alcaldes, alcaldesas, responsables orgánicos e militantes socialistas do municipio cervense e do resto da comarca mariñana.

José Tomé agradeceu a implicación da candidata socialista, xunto ao seu equipo, nestas eleccións. “Gracias por reforzar o teu compromiso co socialismo, co teu pobo, cos veciños e veciñas de Cervo, presentándote como candidata a Alcaldesa. Defender os valores socialistas é a mellor maneira de querer ó teu pobo, ós teus veciños, porque os socialistas defendemos sempre a xustiza social, o benestar e a igualdade de oportunidades para todos e para todas”.

O líder socialista explicou que a candidatura está composta por un “un grupo de homes e mulleres comprometidos, con xente nova, con ganas, con forza, con capacidade, e unidos por un único obxectivo: traballar por Cervo, para favorecer o progreso e para mellorar as condicións de vida dos cervenses”. E tamén recoñeceu e agradeceu “o traballo, a loita, comprometida e incansable, de Paco Mon durante todo este tempo no concello de Cervo”.

“Estou convencido de que, xuntos, ides darlle un impulso a Cervo para sacalo do parón, do estancamento, ó que o ten sometido o actual Alcalde dende hai tempo. Un alcalde sectario, dos máis sectarios do Partido Popular na provincia. Un alcalde que só fai propaganda e que só vende fume. Xestión, cero”, asegurou.

Luján Ramos explicou que se presenta á alcaldía “porque mo pediron moitos veciños, porque me sinto preparada para este novo reto e, sobre todo, porque quero o mellor para o noso pobo e a súa xente, e por suposto, porque quero un futuro digno para os nosos fillos e fillas. Traballarei polo futuro do meu concello, con humildade e dende a responsabilidade que merece este posto de tan alta representación política. Pensemos entre todos que precisa Cervo e fagamos que avance”.

A candidata asegurou que nesta convocatoria “acompáñanme homes e mulleres do noso pobo, persoas comprometidas e que están dispostas a traballar a reo para facer de Cervo un concello de referencia na nosa comarca. E quero destacar que esta lista inclúe xente moza, que por primeira vez quere participar activamente en política, o que demostra a capacidade de xerar ilusión do noso proxecto. Incorporar á mocidade é o mellor xeito de renovar as candidaturas”.

“Estamos convencidas e convencidos de que hai outro xeito de gobernar o noso concello. É fundamental mellorar as nosas vías de comunicación, impulsar iniciativas para a creación de emprego e o asentamento de empresas en Cervo, e, por suposto, hai que escoitar a tódolos colectivos da vila para sacar adiante un proxecto con viabilidade de futuro, realista e progresista”, sinalou Ramos Ben.

Candidatura do PSdeG ás eleccións municipais de Cervo

1- Luján Ramos Ben

2- J. Benito Díaz Docando

3- Amado Ballesteros González

4- Lorena Pardo Quelle

5- Manolo Rodríguez Rodríguez

6- Xosé Fernández Segurado

7- Pedro L. Rodríguez Ben

8- Sonia Méndez López

9- Rafael Muíño Gómez

10- Joaquina Baño Vázquez

11- Almudena Cayón Rivas

Suplentes: Francisco Mon Fernández, Marina Gómez Cobas e Antonio González Villares.

0.19931793212891