Presentada a 13ª edición do Festival Bal y Gay cunha programación internacional na Mariña

GaliciaXa | LugoXa | AMariñaXa
O pianista Grigory Sokolov regresará a Galicia tras 20 anos e o festival chegará por primeira vez a Lugo entre o 5 e o 21 de agosto
Presentación-Bal-y-Gay-2026
9 Apr 2026

Presentouse a décimo terceira edición do Festival Bal y Gay, unha cita de referencia en España que conta co apoio da Deputación de Lugo e que este ano destaca polo seu carácter internacional, cunha programación de 14 concertos que se celebrarán en paraxes emblemáticas da Mariña do 5 ao 21 de agosto. Como novidade, o prestixioso pianista ruso Grigory Sokolov regresará a Galicia tras 20 anos cun concerto o 9 de agosto no Auditorio Fuxan Os Ventos de Lugo, sendo esta a primeira ocasión na que o festival chega á capital lucense.

No acto de presentación participaron tamén a directora do festival, Alba Rodríguez, e o presidente da Fundación Xesús Bal y Gay, Enrique Rodríguez Baixeras. A deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo da Deputación de Lugo, Pilar García Porto, destacou que “este evento é un exemplo de como a cultura pode medrar con sentido desde o territorio, combinando excelencia artística cunha vontade clara de achegar a música clásica á cidadanía e de integrala na vida da Mariña lucense”. Subliñou ademais que a programación reflicte “a identidade propia da comarca, cun percorrido pola música vocal, barroca, de cámara e polo gran repertorio pianístico, da man de artistas e formacións de primeiro nivel”.

García Porto destacou tamén a vinculación do festival co territorio, sinalando que cada concerto se celebra en espazos que forman parte da identidade da Mariña, creando un diálogo natural entre música e patrimonio e facendo que a cultura se viva con proximidade. A deputada sinalou que iniciativas deste tipo contribúen a dinamizar a comarca e a proxectar Lugo como un destino cultural de calidade, reiterando o compromiso da Deputación co apoio a proxectos que consideran a cultura un dereito e unha ferramenta para fortalecer o territorio.

PROGRAMA

A edición inaugurarase o 5 de agosto ás 21.00 horas na Catedral de Mondoñedo co conxunto vocal Vox Luminis, dirixido por Lionel Meunier. O 6 de agosto actuarán Moisés Sánchez (piano), Ana María Valderrama (violín) e Pablo Martín Caminero (contrabaixo) no Castelo de Castro de Ouro de Alfoz. O 7 de agosto será a quenda da soprano Auxiliadora Toledano e o pianista Javier Carmena no Mosteiro de San Salvador de Lourenzá, e o 8 de agosto Antoine Tamestit (viola) e Alexandra Preucil (violín) actuarán na Basílica de San Martiño de Foz. O pianista Grigory Sokolov pechará este primeiro bloque o 9 de agosto ás 19.30 horas no Auditorio Fuxan Os Ventos de Lugo.

O segundo tramo inclúe concertos da Real Filharmonía de Galicia o 13 de agosto na Igrexa de Santa María del Campo de Ribadeo, do tenor Santiago Ballerini, a soprano Berna Perles e Javier Carmena o 14 de agosto no Auditorio Casa da Cultura de Burela, e de Iria Folgado, Raquel Areal, Sara Areal, Marta Rodríguez Otero e Millán Abeledo Malheiro o 15 de agosto no Pazo de Fontao de Foz. Este bloque rematará o 16 de agosto no Palacio Santa Emilia de Mondoñedo cun concerto-conferencia dedicado a Marcial do Adalid a cargo de Martín Llade e Clara Corrales.

O último bloque abrirase coa pianista Yulianna Avdeeva o 17 de agosto no Auditorio Hernán Naval de Ribadeo, seguirá con A Ritirata o 18 de agosto no Teatro Pastor Díaz de Viveiro, a Orquestra Sinfónica do Principado de Asturias o 19 de agosto na Catedral de Mondoñedo e KamBrass o 20 de agosto no Museo e Fábrica de Sargadelos de Cervo. O barítono Samuel Hasselhorn acompañado de Daniel Heide clausurará o festival o 21 de agosto na Basílica de San Martiño de Foz.

0.125324010849