Preparan unha moción para demandar melloras na atención pediátrica nos concellos da Mariña

Foz
TerraChaXa | AMariñaXa
A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña vén de solicitar aos plenos de todas as corporacións municipais da comerca a adopción dunha serie de acordos para intentar frear o problema do servizo de pediatría na Atención Primaria.
21 Xan 2019

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña vén de solicitar aos plenos de todas as corporacións municipais da comerca a adopción dunha serie de acordos para intentar frear o problema do servizo de pediatría na Atención Primaria.
Actualmente o servizo de pediatría  en Atención Primaria dos concellos de Mondoñedo, Lourenzá e Barreiros comparten unha mesma profesional, e faise de forma alterna nas tres localidades, de xeito que os luns, mércores e xoves atende os concellos de Mondoñedo e Barreiros  durante tres horas en cada un dos centros, os martes adica a xornada completa á atención en Lourenzá e os venres ten xornada completa en Mondoñedo. Este feito provoca que moitas veces pais e nais deban trasladarse a outra localidade ou ate o Hospital da Mariña para que nenas e nenos sexan atendidas.
A baixa desta profesional non esta sendo substituida nen nestes momentos nen ningunha das veces que esta facultativa solicitou algún permiso, cursou baixa ou desfrutou das vacacións, todos eles dereitos básicos dos e das traballadoras.
Este feito está a causar, por unha banda retrasos considerables nas revisións protocolizadas de neno san, revisións que nestas idades non poden ser adiadas moitos días do que marca o protocolo do Sergas, pois nelas se examinan parámetros que determinan se o crecemento e o desenvolvemento psicomotor da crianza é o idoneo e concorda coa súa idade biolóxica. Por outra banda cando un/unha nena padecen algunha patoloxía tampouco son atendidas pola pediatra, sendo derivadas aos máis que sobrecargados médicos de familia do centro de saúde, situación agravada ainda máis cando algún profesional de familia desfruta tamén dunha ausencia xustificada ou baixa. Neste caso son derivados ao servizo de urxencias do Hospital da Mariña  onde son vistos en primeira instancia por un facultativo ou facultativa do devandito servizo, e non por un pediatra, situación que resulta insólita ao ser dos poucos hospitais( por non dicir o único) donde non hai pediatra na plantilla do servizo de urxencias.
Estes tres concellos atendidos por unha mesma profesional suman uns oitocentos nenos e nenas, que nestes momentos fican sen pediatra de familia , únicamente o sergas habilitou unhas horas en quenda de tarde para revisións de neno san de cero a tres anos ou vacinacións , que se ben alixeiran un pouco a carga asistencial son de todo insuficientes e non garanten a atención pediátrica de crianzas con patoloxías.
Se ben a situación en Mondoñedo, Lourenzá e Barreiros é grave e de emerxencia, non é privativa destas localidades, xa que no momento en que algún/ha pediatra da comarca colla un permiso ou se vexa obrigada a coller baixa médica a situación repetiríase exactamente igual.
A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña considera que os concellos deben facer varias solicitudes á Xunta de Galicia, como a cobertura estable, continuada e desde o primeiro día no que se produza a ausencia da pediatra titular dos concellos de Mondoñedo, Lourenzá e Barreiros, así como en todos os concellos onde se produzan ausencias xustificadas da/do profesional.
Pedir tamén un Iincremento na asistencia pediátrica nestes concellos "pois parece de todo insuficiente a que se está a impartir na actualidade". Demandan cobertura da xornada reducida da pediatra do centro de saúde de Foz e todas as que se produzan na comarca, "pois esta falta de substitución está a producir verdadeiros colapsos na atención pediátrica en Foz e mesmo nos concellos de Alfoz e Valadouro , que teñen que desplazarse a Foz".
Consideran necesario tamén dotar aos concellos de Alfoz e Valadouro da profesional de pediatría que se ven demandando  históricamente, para atender ás trescentas nenas e nenos que constituen o censo de cero a catorce anos destas localidades.
Piden tamén un profesional pediátrico no servizo de urxencias do hospital da Mariña en todas as quendas, "que garanta a atención pediatrica neste centro desde o primeiro momento e sempre que un paciente en idade pediátrica acuda ao devandito servizo".

0.044731140136719