Preocupación por como afectará a crise
Por Cogami
A economía social galega representa o 10% do Produto Interior Bruto, segundo datos oficiais. A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade dedica, na campaña 12 Chaves da Inclusión lanzada polo seu 30 Aniversario, o mes de xuño á economía social, un exemplo de compromiso coas persoas, co coidado do medio ambiente, coa responsabilidade social e coa xeración dun valor que se comparte co resto da sociedade.
Exemplo de economía social son os centros especiais de emprego sen ánimo de lucro que teñen por obxectivo o fomento do emprego de persoas con discapacidade. De non ser por estas iniciativas empresariais, cun mínimo do 70% do cadro de persoal con discapacidade recoñecida, a inserción no mercado laboral sería máis complexa. Galicia actualmente rexistra un total de 32 centros asociados a Cegasal (Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego Sen Ánimo de Lucro) nos que traballan máis de 1.500 persoas. Estas iniciativas sociais xeran as súas propias oportunidades laborais a persoas con discapacidade en sectores como medio ambiente, alimentación, artes gráficas, téxtil, distribución, consultaría e transporte, nas que máis do 90% teñen discapacidade.
En palabras do presidente os centros especiais de emprego de iniciativa social “supoñen unha oportunidade laboral, que non sempre oferta a empresa ordinaria a persoas con discapacidade, e que nos permite máis autonomía e trazar un proxecto de vida como calquera outra persoa. Ademais, temos que sinalar que a economía social está centrada na persoa, non nos beneficios, xerando traballo máis estable e de mellor calidade”.
Ao igual que na maioría de empresas, o impacto do COVID-19 tamén se notou tendo que paralizar ou reducir temporalmente a actividade dalgúns dos centros especiais de emprego trala declaración do estado de alarma, e noutros casos, continuaron a prestar servizos, en modo teletraballo, dando apoio e soporte.