Preocupación na Pontenova polo estado do colexio

O CEIP Plurilingüe da Pontenova leva tempo arrastrando múltiples deficiencias estruturais que afectan directamente ao día a día do alumnado. A máis grave, segundo denuncia a Asociación de Nais e Pais de Alumnos (ANPA), é a caída parcial do teito da aula de 6º de Primaria, que tivo lugar en decembro e que, catro meses despois, segue sen ser reparada.
A presidenta da ANPA, Iria Bermúdez, lembra que “desde hai anos hai filtracións no comedor que provocaron o deterioro das paredes, e en decembro un anaco de teito caeu na aula de sexto”. Os nenos foron trasladados temporalmente a unha aula próxima á biblioteca, “pero segue a ser unha solución provisional que se prolonga demasiado no tempo”.
Segundo indica Bermúdez, Inspección visitou o centro en decembro, pero dende entón “non se fixo nada e todo segue igual”. Lamenta que “non pedimos un colexio bonito, senón un espazo seguro e saudable para os nosos cativos”.
Como medida de presión, o ANPA organizou unha recollida de sinaturas que será entregada recentemente na Xefatura Territorial de Educación en Lugo. “Recollemos máis de 400 apoios”, explica a presidenta, quen adianta que agardarán 15 días naturais por unha resposta oficial. “Se non a hai, tomaremos outras medidas”.
O CEIP da Pontenova conta actualmente con máis de cen alumnos matriculados, polo que a comunidade educativa reclama unha intervención urxente para garantir a seguridade e o benestar dos pequenos.