Preocupación na Plataforma polas reformas no parque de San Miguel e a perda de vexetación

A Plataforma en Defensa das Árbores da vila de Ribadeo volve dar a voz de alarma diante de dous temas que preocupan a un sector crecente da veciñanza: a eliminación de elementos verdes nos espazos públicos e o traslado do centro de saúde fóra do núcleo urbano.
Nun comunicado feito público esta semana, o colectivo reacciona ante o anuncio do Concello dun novo proxecto de reforma no parque próximo á capela de San Miguel. Segundo consta na web municipal con data do 24 de marzo, o plan contempla “eliminar todos eses setos vexetais e colocar unha varanda de madeira que garanta a seguridade”.
A plataforma considera incomprensible esta decisión e cuestiona abertamente a relación entre os setos e a suposta falta de seguridade. “Os ligustros son arbustos ornamentais, de folla perenne, que ofrecen beleza e densidade, e que nada teñen que ver con un risco para nenos, maiores ou calquera transeúnte”, indican. Critican tamén a falta de información concreta sobre posibles enfermidades ou problemas que poidan causar estas plantas, e denuncian o uso reiterado da palabra “eliminación” como un síntoma dunha política verde que consideran pouco respectuosa co medio natural.
Lembran casos recentes como a retirada de arbustos na praza Pancho Maseda, xustificada para permitir o paso de ambulancias, e que poucas semanas despois quedou inutilizada por unha exposición publicitaria. “O tempo acaba poñendo en evidencia as contradicións”, sentencian.
Aproveitando o comunicado, o colectivo tamén reclama máis accións para retirar eucaliptos próximos a vivendas e industrias con risco de incendio, especialmente nas zonas rurais, onde aseguran que “un simple paseo permite detectar situacións perigosas que deberían resolverse”.
En paralelo, a plataforma trasladou a súa preocupación polo proxecto de trasladar o centro de saúde municipal á periferia, a máis dun quilómetro do emprazamento actual. Consideran que se trata dun erro “histórico”, que afectará sobre todo ás persoas maiores, dado que a zona proposta é de difícil acceso, con moito tráfico e escasa comodidade. “Un amplo aparcadoiro non compensa os inconvintes”, advirten, lembrando que boa parte das 700 persoas que acoden cada día ao centro fano camiñando, aproveitando a súa localización céntrica para facer compras ou tomar algo no comercio local.
A pesar dalgúns pasos dados xa polo Concello e pola Xunta, desde a plataforma consideran que “moita xente non está suficientemente informada” e que, de selo, “posiblemente este proxecto non avanzaría”.
Como medida, veñen de acordar a organización dunha marcha informativa —que non será unha manifestación—, na que se percorrerá a pé o traxecto entre o actual centro de saúde e o futuro emprazamento, recollendo datos sobre accesibilidade, tempo de desprazamento, tráfico e demais incidencias. O obxectivo: achegar información á cidadanía e contribuír ao debate público “desde a responsabilidade e o civismo”.