Preocupación na Confraría de Celeiro polos actos vandálicos que afectan ao edificio da súa sede social

AMariñaXa
Denuncian dende a entidade que cada ano se repiten actos vandálicos que ensucian con area cristais e escaleiras
vandalismo-cofradia-celeiro
10 Jul 2025

A Confraría de Pescadores Santiago Apóstol de Celeiro, no porto de Viveiro, amosa a súa alarma ante os actos vandálicos reiterados que están a afectar o seu emblemático edificio, que forma parte do patrimonio cultural de Galicia. Esta sede social, que simboliza a historia e a identidade da comunidade mariñeira local, sofre danos que a entidade quere frear con medidas contundentes.

O edificio actual, proxectado en 1928 polo enxeñeiro Salvador Pernas Soto e inaugurado en 1932, destaca polo seu estilo tardo-modernista e forma parte do Plan Básico Autonómico do patrimonio cultural galego. Desde a Confraría, presidida por Domingo Rey, lembran que se trata dun ben protexido polo Consello Territorial de Patrimonio Histórico de Lugo.

Segundo explican, cada ano repítense actos vandálicos que ensucian con area e manchas os cristais e as escaleiras que dan ao mar e á praia, especialmente por parte de persoas que se bañan na zona, sobre todo nenos e mozos. “O edificio está cheo de ‘pegotes’ de area nos seus cristais, paredes e escalinatas”, denuncian, facendo fincapé na importancia de preservar este ben histórico.

Para facer fronte a esta situación, a Confraría non descarta “tomar medidas contundentes”, como colocar sinais preventivas ao redor do edificio e solicitar o apoio das forzas de seguridade para que se intensifiquen as vixilancias e se eviten novos danos.

Ademais, a entidade presentou un proxecto para obras de conservación e mantemento do inmoble, cun orzamento de máis de 384.000 euros, co obxectivo de garantir a súa preservación sen modificar as súas características esenciais, e conta co informe favorable da dirección xeral de patrimonio cultural.

A Confraría fai un chamamento á responsabilidade e á protección do patrimonio local, recordando que este edificio non só é un punto de referencia para os mariñeiros de Celeiro, senón tamén un ben cultural da comunidade galega que merece ser respectado e coidado.

⚙ Configurar cookies
0.16528606414795