Preguntan na Xunta polo polígono do Valadouro
Os deputados autonómicos mariñáns do PP, Elena Candia, José Manuel Balseiro e Daniel Vega dirixirase en sede parlamentaria ao Executivo galego para que confirme se non existe solicitude formal por parte do actual goberno municipal en relación co cambio de emprazamento do polígono industrial de O Valadoiro; se a entidade local ten a obriga de formular esa solicitude para poder desenvolver esta área industrial e se teñen coñecemento os dirixentes do Concello da necesidade de promover este trámite.
Este municipio de A Mariña leva anos aspirando a dispoñer dun polígono industrial que permita a dotación dunha oferta de solo atractiva e suficiente para a localización de industrias e a implantación de novas actividades económicas que favorezan o desenvolvemento da zona.
O anterior Executivo local, do Partido Popular, en colaboración coa Xunta de Galicia, deu pasos importantes con esta finalidade. De feito, aprobou no ano 2009 o plan de sectorialización como ferramenta técnica e urbanística básica cara a construción deste polígono.
Lamentablemente, a tramitación encamiñada por aquel entón atopouse co freo do novo goberno local que propuxo un novo emprazamento o que requiría, entre outras accións, a modificación deste plan sectorial. Anos despois os trámites non só non avanzan ao ritmo agardado; senón que incluso están nunha situación de parálise dado que, segundo transcendeu, o actual Goberno local non ten solicitado ante o Instituto Galego de Vivenda e Solo o cambio de emprazamento.
Na práctica, este atranco impide a incorporación da nova localización no Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia e imposibilita que poida iniciarse a modificación das normas de planeamento do Concello para clasificar a nova zona como solo apto para urbanizar de uso industrial.
Esclarecer a situación dos trámites
Os populares adiantan que, dende o seu Grupo, decidiron levar este asunto á Cámara do Hórreo co fin de esclarecer todas as cuestións sobre este asunto porque os socialistas sinalaron no seu último programa electoral que fora aprobada a modificación puntual das normas urbanísticas en decembro do 2018 e quere saber se primeiro é necesario tramitar o cambio da área delimitada pola creación dun emprazamento diferente ante o IGVS para cumprir co que establece o Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia.
O plan de sectorización do parque empresarial foi aprobado inicialmente xa no 2009, na etapa do anterior goberno que deixou encamiñada a tramitación de cara á construción do polígono, e foi o PSOE o que propuxo unha nova ubicación pouco despois de chegar ao goberno.