Pregón, verbenas e alfombras florais: Foz celebra O Carme
O Concello de Foz e a comisión O Noso Foz presentan o cartel das festas do Carme e máis actividades para este mes de xullo. Este ano a temporada estival estará chea de actividades en Foz: música, teatro, danza, literatura, exposicións, homenaxes, actividades para os máis pequenos, etcétera, que encherán os parques, rúas, prazas e edificios. Esta primeira semana de xullo comeza con múltiples actividades, que serven como antesala á semana grande da patroa.
O venres 5 darán comezo os concertos de Sons na Rúa, que poñerán música todos os venres dos meses de verán. Nesta ocasión será o turno da aula de música moderna da Escola de Música, que tocará no paseo da Rapadoira ás nove da noite. Ese mesmo venres no CENIMA inaugurarase a exposición retrospectiva da obra de Chus Lage a partir das 19.30 horas. “O sábado 6 terá lugar a homenaxe a Olimpia Pérez, unha veciña cunha historia digna de contar; haberá charla e exposición, será tamén no CENIMA a partir das 19.30 horas. Os días 5 e 6 a partir das 19.00 horas e ata a 1.00 horas na praza conde de Fontao estará a actividade Interactive super grid, que é para nenos e maiores e consiste nun taboleiro de luces led no que terás que intentar pisar só onde o xogo che indique”, explica a concelleira de Cultura, Inés López Couto.
Xa a semana seguinte comeza o forte das festas do Carme. O venres 12 o Sons na Rúa será na praza Conde de Fontao, coa actuación de Mar Aberto a partir das 21 horas. “O sábado 13 a partir das 19.30 horas a Sala Bahía acollerá a presentación dos libros de Antón Niñe e Xoán R. Fernández Pacios, unhas edicións moi especiais para o Concello de Foz. E ese mesmo día a partir das 22.30 horas o Festival A Nosa Fala acollerá na Praza Rosalía de Castro (Campo da Cabana) a actuación de Mallou e Habelas Hainas”, expón o concelleiro de Festas, Ángel Fernández Neira.
Pregón e verbenas
O domingo 14 de xullo a partir das 20.30 horas na igrexa parroquial de Foz será o pregón das festas, este ano ofrecido por Salustiano Alonso Escalera. Ese mesmo día comezará a verbena, a cargo do grupo La Bamba, na explanada portuaria. O luns día 15, o día das alfombras, a sesión vermú estará amenizada pola orquestra Escaparate e pola noite será o turno de Kubo xunto con Escaparate.
“Esa noite Foz estará cheo de vida coa creación das alfombras florais; todo aquel que queira colaborar os días previos na obtención dos materiais e o mesmo día poderá poñerse en contacto cos equipos das rúas no teléfono 982 140 027 extensión 3. Esperamos que a xente se anime a colaborar na realización das alfombras florais que fan aínda máis especial a festa do Carme de Foz”, engade.
O día grande será o martes 16 coa misa cantada por Mar Aberto ás 12 da mañá e despois a procesión. A sesión vermú estará amenizada polo grupo D’Cano e a verbena por D’Cano e a orquestra Los Satélites. O día 17, como colofón, haberá festa infantil gratuíta e chegará a Foz o festival de danza Abanea (no paseo da Rapadoira). “Queremos que @s nen@s teñan unha xornada de peche das festas dedicada a eles”, comenta Fátima Novo, presidenta de O Noso Foz.
O alcalde de Foz, Fran Cajoto, explica que “as Festas do Carme son as que teñen un maior sentimento en Foz e son para nós moi importantes, por iso mimamos os detalles de todo o que facemos”. O alcalde, concelleiros e a presidenta da comisión de festas agradecen a Francisco Lestegás a cesión da fotografía que ilustra o cartel e desexan a veciños e visitantes unhas boas Festas do Carme.